Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia ten equipo

Dende hoxe, á lista de homes e mulleres comprometidos co servizo público súmanse tres nomes máis: Jesús Vázquez Almuíña (Sanidade), Ángeles Vázquez (Medio Rural) e José Manuel Rey (Política Social).

Renóvase o Goberno de Galicia cun equipo de dez consellerías, idéntico número a cando, no ano 2009, comezou o mandato do Partido Popular e tres menos das que tivo o bipartito.

Renóvase o Goberno galego para acentuar o seu carácter social, para adaptarse ao cambio de ciclo económico, para dar maior valor e peso específico ao medio rural e á pesca, e redefinir as prioridades sobre o territorio e os aspectos ambientais.

O presidente Feijóo explicou con grande acerto que o novo contexto para Galicia esixe novas políticas, actitudes e persoas. Unha renovación que impulsará a acción de goberno, revitalizando as áreas nas que hoxe os cidadáns esixen centrar as prioridades.

A estes dez homes e mulleres se lles encomenda o privilexio de traballar desde o Goberno galego. Pero xunto a eles e, entre todos, estamos obrigados a seguir avanzando, afondando na máxima eficiencia, na blindaxe dos servizos públicos e na busca dun camiño que nos permitira encarar a recuperación económica e facer que esta chegue a todos, en igualdade de oportunidades e condicións.

Todos sabemos que quedan moitos retos por diante. Tamén na Mariña lucense: en materia de infraestruturas sanitarias, viarias, na potenciación do emprego e dos sectores produtivos. No fortalecemento dos servizos públicos e de benestar. Deberes que seguirán a ser obxectivo deste novo Goberno.

A tarefa é esperanzadora pero difícil. E son moitas as galegas e os galegos que confían e así o esperan. O Presidente Feijóo ten demostrado unha vez máis que hai equipo. Hai ganas de seguir transformando Galicia a mellor.

Exit mobile version