Site icon Crónica3.com A Mariña

Hierros Miguel Seis do Nadal Coia 33-34 Balonmán Galipizza Viveiro: Un triunfo para gañar confianza

Viveiro, 6 de outubro de 2015.- O primeiro equipo do Balonmán Galipizza Viveiro conseguiu a pasada fin de semana a súa primeira vitoria oficial desta tempada no seu segundo encontro da Copa Federación. Os de Javi Villares completaron unha moi boa segunda parte en Coia (Vigo) e conseguiron remontar un encontro diante do Hierros Miguel Seis do Nadal no que foron por detrás ata o inicio da segunda parte.

Entraron mellor no encontro os locais, logrando un parcial de 5-1 nos primeiros cinco minutos. Os viveireses conseguían boas opcións de lanzamento, pero remataban chocando contra un inspirado meta local. Mentres, os de Coia estaban moito máis atinados diante da porta defendida por Emilio. Así as cousas, mediado o primeiro periodo acadaban a súa renda máis importante, de 6 goles: 11-5.

Melloraron os visitantes a súa defensa e, axudados por un Emilio que se foi entonando pouco a pouco, foron reducindo distancias ata poñerse a tres goles no descanso: 18-15.

Tralo paso polos vestiarios, os mariñanos continuaron crecendo en defensa, cun 6:0 que se fixo indescifrable para os locais no inicio, polo que firmaron un 1-5 de parcial que os colocou por diante por primeira vez: 19-20 (min 35). Logo de poñerse tres goles por arriba (21-24), unha inferioridade visitante foi aproveitada polo Seis do Nadal para igualar a 25 tantos.

Non se viñeron abaixo os azuis e no tramo decisivo volveron estirar a súa renda, entrando nos últimos dous minutos catro goles por diante. Despois dunha nova exclusión mariñá, os locais aproveitaron os últimos 100 segundos de partido para achegarse, pero non chegaron a gozar de posesión para lograr a igualada.

BALONMÁN GALIPIZZA VIVEIRO (34): Emilio e Edu; José Labaén, Carlos (7), Javi Villares (2), Bruno Prado, Pastor (8), Bruno Gómez (1), Ignacio (3), Turbo (4), Mariño (5), Andrés, David Rodríguez (4) e Jacobo Permuy.
Exclusións: Pastor e Turbo (2).

Parciais cada cinco minutos: 5-1 / 8-4 / 11-5 / 13-8 / 16-11 / 18-15 (descanso) / 19-20 / 21-24 / 25-25 / 26-28 / 28-31 / 33-34.

Dous partidos esta fin de semana
O conxunto viveirés afrontará esta próxima fin de semana dous encontros como local. Por unha banda, os pupilos de Javi Villares xogaron o sábado (Municipal de Viveiro, 16:30 horas) a primeira xornada da Liga na Primeira Autonómica diante do Viña Costeira Ribeira de Ribadavia. Para o luns, ás 13 horas, quedará o último partido da primeira fase da Copa Delegación diante do Atlético Novas, un encontro que fora adiado no seu momento a petición do conxunto de Viveiro.

Exit mobile version