Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra: “Non temos nada que celebrar con esta Unión Europea da austeridade”

Estrasburgo, 7 de outubro 2015.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, abandonou canda as demais deputadas da Esquerda Plural o hemiciclo do Parlamento Europeo durante a alocución de Felipe VI.

Con esta acción simbólica, dende AGEe queremos manifestar “o noso rexeitamento a un Estado que non recoñece o dereito dos pobos que conforman a súa realidade plurinacional”. O Estado español, concretou Senra, “non recoñece nin permite” que o pobo galego “poda decidir libremente sobre o seu futuro”.

Aliás, a eurodeputada galega tamén manifestou a súa disconformidade ca presenza no hemiciclo da Eurocámara dun Rei “posto por herdanza sen que se dera en ningún momento opción á cidadanía a decidir se quería Monarquía ou República”.

Ao fío da conmemoración este ano do trinta aniversario da entrada do Estado español na Unión Europea, resaltada esta mañá polo Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, para enmarcar a alocución do monarca español, a eurodeputada de AGEe subliñou que “non hai nada que celebrar”. A día de hoxe, “Galiza atópase nunha situación na que os seus sectores produtivos están sendo destruídos, a industria está pechando, cada vez hai menos postos de traballo e a xuventude está emigrando buscando unha vida fóra do seu país”.

Logo de trinta anos de pertenza á Unión Europea, proseguiu Senra, “hai un retroceso grande nos dereitos humanos, como no dereito á vivenda, á saude ou ao ensino”, aliás, salientou, “tamén sufrimos un retroceso nos dereitos das mulleres, con leis que vulneran a nosa autonomía”.

Polo tanto, concluíu, “non temos nada que celebrar con esta UE da austeridade”. Xa que a actual Unión Europea, denunciou a eurodeputada de AGEe “está a crear pobreza e miseria, condenando á cidadanía e ás clases populares a malvivir”.

Exit mobile version