Site icon Crónica3.com A Mariña

Lugo é a provincia galega máis castigada por Feijóo nos Orzamentos da Xunta para 2016

Lugo, 21 de outubro de 2015.- Lugo é a provincia galega máis castigada por Feijóo nos Orzamentos da Xunta para 2016, pois é a que menos fondos recibe para emprego e, logo da ourensá, para políticas sociais. A maiores, é a única provincia na que cae o gasto por habitante e na que máis baixan os investimentos globais. Así o reflexan as contas autonómicas para o vindeiro ano, publicadas polo Goberno galego.

A Consellería de Emprego ten previsto investir 223.000 euros na provincia o vindeiro ano. Unha cantidade lonxe dos 3 millóns de euros para A Coruña, dos preto de 600.000 para Ourense ou dos 350.000 para Pontevedra. Todo isto, cando no pasado mes Lugo foi a provincia galega na que máis aumentou o paro, cun incremento do 2,39%, sumando hoxe 21.000 desempregados lucenses.

Lugo é, xunto con Ourense, a provincia galega coa poboación máis envellecida. Con todo, na Consellería de Política Social figura unha partida de 1,5 millóns de euros para Lugo, a máis baixa de todas as provincias despois da ourensá. Desta cantidade, menos de 6.000 euros son para o programa de dependencia e 11.000 para a promoción de autonomía persoal dos maiores, pois o 60% da mesma adícase a reformas e reposicións de equipamentos e instalacións.

Os fondos da Consellería de Sanidade para Lugo son de 2 millóns, cantidade próxima aos 1,7 millóns para Ourense e afastada dos 10 millóns para A Coruña e dos 4,6 de Pontevedra. Non figura nin un só euro para os servizos reiteradamente reclamados para o HULA.

O mesmo ocorre co departamento de Educación, que achega á provincia lucense 7,6 millóns de euros, á ourensá 6 millóns, á pontevedresa 11 millóns e á coruñesa 14 millóns.

Destacan os investimentos da Consellería do Mar, pois a partida para Lugo é de tan só 3 millóns de euros, fronte aos 10,5 millóns para Pontevedra e aos 22 para A Coruña.

Con respecto dos investimentos por habitante, Lugo é a única provincia galega na que cae, cun -0,96% en relación ao 2015. Pola contra, este aumenta un +2,2% en Ourense, un +16,1% en Pontevedra e un +25,1% na Coruña. Os investimentos globais soben lixeiramente na Coruña e Pontevedra, en Ourense sofren un mínimo descenso e en Lugo baixan un -2,7%, sendo de novo a provincia galega máis castigada.

Sen proxectos para 2016
Feijóo non só non ofrece aos lucenses ningún proxecto novo para 2016, senón que ignora ou retrasada todos os que reiteradamente comprometeu na provincia. Por exemplo, Lugo volta a quedar sen estación intermodal a diferenza do que, ao parecer, pode suceder nas restantes provincias galegas. O auditorio municipal de Lugo non estará listo polo menos ata o 2019, ano no que aínda figuran partidas orzamentarias; a variante da Costa Norte tamén se demorará canto menos ata o horizonte do 2017; a reiteradamente anunciada ampliación do hospital da Costa prolongarase durante o 2018…Unha das maiores partidas para as infraestruturas da provincia é para pagar traballos xa executadas, como son as obras do Corredor Sarria-Monforte.

Exit mobile version