Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural porá en marcha un plan de formación para os medios de emerxencia sobre a velutina e unha campaña de información á cidadanía e ós Concellos

encontro-mediorural-apicultoresA Consellería do Medio Rural desenvolverá un plan de formación específico para facilitar a participación directa dos medios de emerxencias dentro das accións de vixilancia e control da vespa velutina. Ademais, levará a cabo unha campaña de información á cidadanía, concellos e sectores afectados, para asegurar a detección temperá dos niños e para que se coñezan axeitadamente os perigos reais desta especie.

A maiores, promoverase a investigación na materia, co obxecto de atopar novos medios de loita máis selectivos e efectivos e, ao mesmo tempo, respectuosos co medio ambiente. Tamén se creará un comité de seguimento da problemática da vespa velutina, no que se integren as unidades da administración afectadas (Medio Ambiente, Medio Rural, Vicepresidencia e Sanidade), os representantes do sector apícola, e expertos entomólogos que asesoren nas medidas correctas a tomar, así como os Grupos de traballo que sexan necesarios no marco do dito comité.

Como mostra do compromiso da Xunta co sector, a conselleira aproveitou para anunciarlles que no ano 2016 se incrementarán en máis dun 10% as axudas establecidas no marco do Plan Nacional Apícola, como medida de apoio que axude a paliar os danos ocasionados.

Todas estas medidas foron tratadas na xuntanza de traballo mantida esta tarde pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coas asociacións do sector apícola de Galicia para valorar a problemática deste sector e, en particular, a situación existente respecto á vespa velutina. O encontro –o primeiro que celebra a nova titular de Medio Rural con este sector– serviu tamén para recoller as súas achegas, así como para dar conta dos resultados do programa de vixilancia e control deste insecto por parte da Xunta, e informar das xestións que se están a realizar cara á súa mellora.

Ao encontro de traballo estaban convocados representantes da Agrupación Apícola de Galicia, Asociación Provincial Lucense de Apicultores e Asociación Galega de Apicultura. Sen embargo, os responsables desta última declinaron no último momento asistir á xuntanza, deixando plantada tanto á conselleira como ao resto do sector, nunha actitude que a Xunta ten que lamentar, pois en todo momento mantivo o obxectivo de sentar en torno á mesma mesa a todo o sector apicultor.

Máis de 6.000 avisos en 2015

A través do operativo establecido pola Xunta de Galicia para minimizar os efectos deste insecto, durante o ano 2015 recibíronse no servizo de Atención e Información á Cidadanía, 012, un total de 6.327 avisos relacionados coa vespa velutina, que foron oportunamente tramitados.
Despois da correspondente avaliación, como consecuencias das actuacións directas da Xunta de Galicia, retiráronse ou inactiváronse 2.715 niños, o que supón un importante esforzo no control desta especie.

Por outra banda, a Consellería do Medio Rural distribuíu nos meses de febreiro e marzo 1.300 trampas e 1.300 envases de líquido atraente aos apicultores dos concellos nos que se detectaran niños en 2014, co obxecto de recoller raíñas da especie no trampeo de primavera, e outras 1.500 trampas e 1.500 envases de líquido atraente aos apicultores dos concellos nos que se detectaron niños en 2015, e que non recibiran trampas no trampeo de primavera, para a recollida de futuras raíñas no trampeo de outono. Ademais, a Xunta, mediante medios propios, colocou máis de 100 trampas adicionais nas zonas onde se detectaran máis niños, recolléndose nelas no ano 2015 87.834 exemplares de vespa velutina.

Exit mobile version