Site icon Crónica3.com A Mariña

Nas 11 Escolas Deportivas Municipais de Inverno de Ribadeo hai inscritos ata o momento 550 nenos e nenas

031015 Foto presentacion escolas RibadeoRibadeo, 3 de outubro de 2015.- O salón de plenos acolleu na tarde deste venres a presentación das Escolas Deportivas Municipais de Inverno, do Concello de Ribadeo. Trátase de 11 disciplinas nas que se inscribiron 550 rapaces e rapazas. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, David Rivas, e o técnico de Deportes, Iván López.

O edil nacionalista lembrou que “neste mes de outubro comezan as Escolas Deportivas Municipais 2015-2016 na maior parte das disciplinas, se ben algunhas delas xa deron inicio a mediados do pasado mes de setembro. A oferta componse dos 11 mesmos deportes que o ano pasado (atletismo, baloncesto, fútbol, fútbol sala, karate, natación, pádel, patinaxe, tenis, tenis de mesa e ximnasia rítmica) para nenas e nenos en idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos”.

Rivas Pena contou que “rematado o prazo de inscrición, se ben o de pagamento segue aberto ata mediados de mes, co que aínda poden confirmarse novas altas, o balance é moi positivo, xa que temos en torno a 550 inscricións, que sumadas ás case 90 das Escolas Deportivas de Verán dan unha cifra nada despreciable de 620 matrículas, superando en máis de 100 ás do curso pasado”.

O concelleiro de Deportes dixo que “o funcionamento destas escolas deportivas baséase na colaboración económica do Concello cos diferentes clubes, que varía en función de nenas/os matriculadas/os e número de monitores/as, debéndose cumprir un mínimo de horas estipulado nas bases. Este formato é desde hai anos, unha aposta firme do Concello polo deporte en igualdade e de base, conceptos ambos nos que non debemos deixar de traballar, e que ten unha máis que notable acollida por parte da cidadanía. Proba disto é que non só hai matriculas de nenas e nenos ribadenses, senón tamén dos concellos veciños, se ben nas escolas con límite de prazas terán sempre preferencia as/os empadroadas/os ou escolarizadas/os en Ribadeo”.

David Rivas e Fernando Suárez subliñaron que “a pretensión do Concello de Ribadeo é que todos os nenos e nenas ribadenses practiquen deporte, e para isto, ofrecemos, ao igual que viñemos facendo desde estes anos atrás, bonos axuda para o pagamento da matrícula, de maneira que ninguén poida quedar excluído das escolas por motivos económicos”.

O acto de presentación contou coa presenza de representantes das 11 Escolas Deportivas Municipais, que se imparten no curso 2015-2016.

Exit mobile version