Lugo 30 de outubro de 2015.- O presidente de Novas Xeracións do Partido Popular en Lugo, Daniel Vega, e o presidente de Novas Xeracións de Galicia, Diego Gago, xunto con outros integrantes da formación xuvenil, visitaron a Gandería Casa Anxel no Concello da Pastoriza.
O presidente provincial da organización político-xuvenil aposta dunha maneira clara e decidida pola gandería e agricultura, destacando “a vital importancia deste sector para o conxunto da sociedade e economía da provincia de Lugo”.
Vega aproveitou esta visita para lanzar a seguinte mensaxe, poñendo de exemplo á Gandería Casa Anxel, “o gandeiro non pode ser empresario só ata o tanque de leite, ten que crer tamén na transformación e comercialización do produto, para non ser simples asalariados da industria”.
Pola súa banda, o presidente de Novas Xeracións de Galicia aproveitou esta xornada para por en valor e defender ao sector leiteiro nun momento de verdadeiras dificultades para o mesmo, e quixo manifestar “a súa solidariedade pola loita cara un prezo sostible do leite no tempo”.
Gago anunciou que a organización que preside transmitiralle ao Partido Popular de Galicia para que inste á Xunta de Galicia a axudar a que os mozos e mozas continúen a traballar no sector primario e do leite, e que as axudas para o emprendedurismo non decaian.
Con esta visita, os mozos e mozas de Novas Xeracións demostran o seu compromiso claro e rotundo cun sector clave para a provincia de Lugo e para o conxunto de Galicia, como é o sector gandeiro.