Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo óso de cetáceo no Museo Provincial do Mar

DSCN5610San Cibrao, 1 de outubro de 2015.- Estes días de mareas vivas acostuman remover as praias e sacar a luz tesouros ocultos que nos lembran a riqueza da nosa costa. Así, desde o Museo Provincial do Mar, pertencente á Rede Museística da Deputación Provincial de Lugo, fan público o achado dun novo óso de balea que acrecenta a importante colección de restos de cetáceo que se gardan na institución sancibrense. Esta colección, recoñecida por diversos expertos como a máis importante de Galicia; vese así enriquecida por esta peza.

Aínda é cedo para realizar afirmacións categóricas pero as primeiras exploracións indican que se trata de parte dun cranio, posibelmente dunha época séculos atrás, descoñecéndose polo momento se pertence a un varadoiro ocasional ou se contextualiza dentro dun centro de caza mais amplo. Agárdase que proximamente sexa posible obter novos dados sobre a especie concreta e a época. De momento, a peza xa se atopa a bo recado no Museo Provincial do Mar e prontamente estará a disposición do público en xeral.

A institución provincial e a súa Rede Museística agradecen a colaboración cidadá que fixo posible este achado. Nomeadamente ao descubridor, Lito Souto Meilán, que a fotografiou xunto con Andrés Bourio e Victor Hernández; e a Teté Álvarez Varela quen notificou este descubrimento. Igualmente agradecen o apoio do Concello de Barreiros, sen o cal sería imposíbel a retirada e salvagarda desta interesante peza. Isto demostra, aseguran; o interese social pola conservación do patrimonio así como a gran valoración cidadá deste servizo público. Desta forma convidan aos veciños e veciñas da Mariña e do conxunto da provincia a visitar as súas importantes coleccións relacionados con o mundo da balea.

Exit mobile version