Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG celebra a “normalización democrática” na Deputación para gobernar a institución ao servizo da cidadanía “sen o clientelismo do PP”

Lugo, 9 de Outubro 2015.- O BNG valora a volta á “normalidade democrática” na Deputación de Lugo que recupera un goberno nacionalista e de progreso que permitirá á entidade traballar dentro dun “programa marco” pactado entre nacionalistas e socialistas, que xa se aplica nas deputacións da Coruña e de Pontevedra.

“Confórmase un goberno maioritario a favor dos veciños e veciñas de toda a provincia, unha aposta por transformar a institución, prestar os mellores servizos e facer políticas de reequilibrio territorial e de distribución sen clientelismos, como os que evidenciou o PP nestes tres meses”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, desde Lugo de visita con motivo da celebración do San Froilán.

Vence fixo referencia aos cinco millóns de euros repartidos pola ata agora presidenta da Deputación de Lugo entre concellos gobernados polo PP. “Parece que só saben gobernar de xeito clientelar para os alcaldes amigos, repartindo de xeito vergoñento en tempo de desconto cinco millóns de euros demostrando cal é o estilo e a utilización que o PP fai das institucións”, denunciaba o dirixente nacionalista.

O BNG aposta pola desaparición das deputacións provinciais, -como entes obsoletos e innecesarios-, pero mentres sigan en funcionamento o obxectivo é garantir un funcionamento eficaz, transparente e plural camiñando cara o seu progresivo adelgazamento a favor dos concellos e da Xunta.

“Temos un programa marco completamente diferente pactado por BNG e PSOE para as tres deputacións, un programa ambicioso, democrático e transparente, que aposta por devolverlle o maior número de recursos aos concellos para que os xestionen directamente por ser a administración máis próxima á cidadanía”, explicou Vence.

Para a formación nacionalista, ábrese unha “etapa nova” que debe ser xestionada por “novas persoas” para desenvolver ese “programa transformador” e poñer as deputacións ao servizo “de todos os concellos”, mentres se avanza cara a súa desaparición destas institución “innecesarias” dentro dunha estrutura territorial diferente.

O portavoz nacional considera que, a partir de agora, a veciñanza da provincia “sabe perfectamente cal é a nova folla de ruta da deputación e ten a garantía de que na equipa de goberno vai estar xente que reúne os requisitos que formulou o BNG desde o primeiro momento”.

A preguntas dos medios, Vence non quixo entrar a valorar cal debe ser a composición do goberno provincial por “respecto á institución” e ás funcións das persoas ás que lles corresponde esa responsabilidade

“Queremos poñelas ao servizo dos concellos e da cidadanía, con equipos novos, xente nova que desenvolva o programa que temos acordado e que se ten feito público, dentro do acordo marco a nivel galego asinado entre BNG e PSOE”, concluíu.

Exit mobile version