Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica o retraso no comezo do curso na Escola de Música de Burela

Burela, 15 de outubro de 2015.- O BNG critica o desmesurado retraso no comezo do presente curso na Escola de Música Municipal de Burela e exixe unha aclaración e unha compensación ás persoas matriculadas. O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado explicou que “non se xustifica a demora no comezo do curso, pois o Concello conta con profesorado contratado durante todo o ano, que podían realizar os seus labores docentes desde o mes de setembro”.

Mario Pillado cuestiona as declaracións do Concelleiro de Cultura e exixe unha rectificación inmediata
Pillado criticou as desafortunadas declaracións do Concelleiro de Cultura, José Díaz, nas que responsabiliza a un profesor do retraso do comezo do curso escolar. O portavoz nacionalista cualificou de “moi graves e totalmente infundados os argumentos que dá o Sr. Díaz” e pediu ao Concelleiro que “desminta estas declaracións e que asuma a súa responsabilidade e ineficiencia política”.

Pillado recoñeceu que “houbo unha renuncia voluntaria por parte dun profesor da Escola de Música, mais que esa renuncia se fixo efectiva o día 1 de setembro e que existe un Decreto do 28 de agosto no que se dá conta deste feito, e non a finais de setembro, como afirma o Sr. Díaz”. Para o portavoz do BNG no Concello, a manipulación do Concelleiro demostra a forma de traballar do goberno do PSOE, manipulando e utilizando a terceiras persoas para agochar os seus erros e a súa falta de seriedade e rigor na xestión pública.

Pillado criticou a pésima xestión dos recursos públicos por parte do goberno municipal do PSOE e a lamentou a mala imaxe que se está a dar da administración local e dos servizos municipais. Adiantou que pedirá explicacións no próximo pleno e que se compense ás persoas matriculadas.

Exit mobile version