Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG denuncia que a Mariña volve a situarse en setembro á cabeza na destrución de emprego na provincia cun incremento do 9,24% en relación a agosto

A Mariña, 2 de outubro de 2015.- O BNG da Mariña valorou negativamente os datos do desemprego publicados pola Consellaría de Emprego que sitúa á comarca como a punta de lanza na destrución de emprego na provincia cun incremento do 9,24%, casi sete puntos por riba da media provincial. Para a portavoz comarcal estamos diante dun aumento do paro previsíbel pola baixada de actividade na tempada estival, mais tamén pola deixazón de funcións do goberno galego que non achega as medidas paliativas prometidas desde fai anos e mesmo mira cara outro lado ante a destrución dos principais sectores produtivos da comarca.

Ana Ermida, afirma que os datos publicados pola Consellaría de Emprego na comarca coa incremento de 363 persoas en relación ao mes de agosto volven indicar a forte dependencia do sector servizos, polo que as baixadas nos últimos meses débense unicamente ás contratacións en época estival, algo que semella non suceder no conxunto da provincia onde o paro sobe en conxunto un 2,40%. A nacionalista prevé que nos próximos meses este incremento non vai ir a menos e a situación das familias non mellorará porque a maioría destes contratos estivais son precarios e de baixos ingresos.

A portavoz comarcal nacionalista volveu chamar a atención ante a falta de medidas paliativas por parte do goberno galego “que leva anos prometendo actuacións para amortiguar o peche e redución de contratos de moitas das principais empresas da comarca sen que ate agora víramos nada”.

A nacionalista vai mais alá ao acusar á Xunta de Galiza de parálise por non tomar ningunha medida para mellorar a situación dos principais sectores produtivos da comarca: pesca, sector agro-gandeiro e madeira sofren por diferentes motivos a inacción da Xunta, o sector turístico e de servizos aguanta por si mesmo, mentres o sector industrial salvo escasas excepcións, é un monocultivo do aluminio insuficiente para que a comarca saia da situación de crise na que nos atopamos.

Para o BNG estes datos son desalentadores e nin sequera reflicten a realidade porque a sangría da emigración segue indo a mais con moita xente nova e non tan nova collendo as maletas na busca de emprego que non se reflicten nas cifras do paro.

Exit mobile version