Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG logra o apoio unánime na comisión de industria do Parlamento Galego para reclamar a implicación da xunta de cara a recuperar a actividade laboral e industrial da antiga ECESA de Burela

A Mariña, 21 de outubro de 2015.- O BNG a través do parlamentario nacionalista Cosme Pombo volveu levar ao Parlamento Galego a problemática da antiga ECESA de Burela, actual MIDUESA, para pedir a implicación do goberno galego de cara a impulsar a actividade mineira e por tanto a volta do cadro de persoal ao traballo. Os nacionalistas xa presentaron unha batería de preguntas en abril deste ano que logrou o compromiso do Director Xeral de Industria para axilizar unha actividade industrial na que a empresa MIDUESA, empresa seleccionada pola administración concursal para recuperar actividade, ten interese e a intención de investir 10 millóns de euros e recuperar o cadro de persoal.

Cosme Pombo volveu levar á Comisión de Industria a parálise da actividade industrial na explotación mineira pendente da resolución de problemas derivados dun proceso concursal e xudicial que atranca a resolución da administración concursal que concedeu á empresa MIDUESA a xestión desta explotación comprometéndose a un investimento de 10 millóns de euros e a recuperación do cadro de persoal mediante unha bolsa de emprego.

Cinco meses despois de presentar unha batería de preguntas sobre este problema e lograr o compromiso do Director Xeral de Industria para “facer o necesario de cara a recuperar a actividade, os atrancos e demora provocados polos procesos xudiciais abertos, non permiten o reinicio da actividade”. O parlamentario nacionalista demandou, nesta ocasión mediante unha Proposición Non de Lei, a implicación do goberno galego para “tomar as iniciativas precisas de cara a manter os postos de traballo e recuperar a actividade mineira”.

Cosme Pombo lembrou a calidade do caolín da Mariña explotado historicamente por ECESA e a viabilidade da explotación, moito mais cando agora existe un gran grupo mineiro disposto a investir na comarca e recuperar a actividade industrial e os postos de traballo. “O nacionalista agradeceu o apoio a esta e iniciativa por parte de tódolos grupos, mais aclarou que este acordo obriga ao goberno galego a moverse e non agardar que as cousas se resolvan soas, son moitas as familias na Mariña que agardan a necesaria e urxente recuperación da actividade laboral e empresarial”.

Exit mobile version