Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá na Deputación que Lugo se declare “provincia libre de touradas”

Lugo, 24 de outubro de 2015. O concelleiro do BNG-Asamblea de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, anunciou hoxe a presentación dunha iniciativa para que a corporación provincial declare a Lugo como “provincia libre de touradas”. Os nacionalistas pedirán a aprobación da súa iniciativa para que a Deputación inste a Xunta e Concellos a que inclúan nas súas normativas correspondentes o desenvolvemento das iniciativas lexislativas necesarias para abolir as touradas en todo o territorio de Galiza.

Xosé Ferreiro sinalou que “as galegas e galegas xa amosamos en diferentes ocasións un claro rexeitamento a que se manteña a celebración de touradas nas poucas vilas onde aínda subsiste este espectáculo baseado na tortura animal”. As empresas e asociacións que viven deste “espectáculo” continúan a percibir inxentes subvencións dende diferentes administracións, como ocorreu coas moi importantes cantidades de cartos que o anterior goberno da Deputación de Pontevedra levaba inxectado aos que se dedican a este negocio nos últimos anos, cartos que en moitos casos estaban destinados a un fin totalmente diferente.

O deputado nacionalista dixo que “a Deputación de Lugo non pode ser allea a unha postura maioritaria e emanada directamente do pobo, debendo tomar as medidas necesarias para impedir que os cartos públicos, o diñeiro de todas e de todos, ou a propia imaxe da institución non remate apoiando espectáculos baseados no maltrato animal”. Ferreiro informou que a Deputación da Coruña, hai poucas semanas, foi outra institución que se uniu a esta corrente imparábel de levar a civilización e o sentido común á sociedade.

Exit mobile version