Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello burelés non pode afrontar a compra dos terreos que no seu día ocupou Gres Burela

Burela, 20 de outubro de 2015.- O Concello non pode afrontar a compra dos terreos que no seu día pertenceron a Gres Burela. Así o asegurou este martes o alcalde, Alfredo Llano, que dixo que “aínda que esa posibilidade se contemplou” o Concello non ten a solvencia económica suficiente como para acudir unha poxa que parte cun prezo de saída duns 400.000 euros.

O rexedor sinalou que “hai moitos veciños que nos comentaron que o Concello podía aproveitar a oportunidade de facerse cos solares que pertenceron no seu día a Gres Burela, empresa que agora está para decidir a súa venda a través dun concurso. Aínda que contemplamos esa posibilidade agora mesmo é moi difícil que o Concello de Burela poida afrontar un gasto desa categoría, porque o prezo de entrada da poxa vai ser de case 400.000 euros, pero non se sabe ata canto pode chegar. E, por outro lado, hai unha serie de empresas que están interesadas en facerse con ese espazo para despois poder utilizalo posiblemente con fins de mover a economía a través de implantar alí algún negocio, que daría vida no concello de Burela”.

Llano pensa que “sería interesante que o Concello puidese optar a ese espazo, pero evidentemente terían que darse outras circunstancias, pois a través dun concurso cunha puxa pensamos que non é a máis idónea porque, aparte de que non temos solvencia suficiente para poder afrontar estes retos económicos agora, se se desen as circunstancias de que antes da poxa houbese algún tipo de interese por parte do propietario para chegar a un acordo sen pasar polo proceso da poxa igual era interesante ou podíase facer mellor un intento de acordo que podía ser bo para as dúas partes. Pero a través deste proceso concursal evidentemente nós non podemos participar, tal e como están as cousas na economía do Concello. Xa sabemos todos que non é o momento máis boiante da economía a nivel estatal e por tanto estamos agardando a que isto mellore”.

E engadiu que “unha vez que ese espazo sexa mercado, que xa teña un dono, vamos procurar chegar a acordos con ese propietario para intentar realizar aí actuacións que sexan interesantes para o pobo, que sexan para uso público e dende logo que quede ben e que sexa un espazo moi beneficioso para o conxunto dos nosos veciños”.

Chuvias deste luns
A chuvia caída ao longo deste luns en Burela ocasionou algunhas complicacións, segundo relatou hoxe o alcalde: “estivemos na zona onde noutras ocasións houbo inundacións, aínda que xa se fixeran obras no anterior mandato noso, cando se melloraran moitísimo as instalacións e as canalizacións que podían dar lugar a inundacións. O que se fixo onte foi revisar sobre todo aquelas zonas onde houbera asolagamentos, como é a zona das Pasadiñas, na variante e tamén no río Perdouro, porque empezaba a haber problemas a media tarde, pero menos mal que non choveu suficiente como para crear unha situación como as que xa tivemos noutras ocasións”.

Alfredo Llano dixo que “como baixan torrentes de auga non só polos ríos canalizados senón que hai outras fontes que cando chove moitísimo no Monte Castelo hai varios lugares que son auténticas verticais colle unha velocidade grandísima a auga e iso ocasiona que arrastre grande cantidade de pedras, de terra e de vexetación. Isto produciu taponamentos nalgunhas canalizacións e cunetas, polo que foi tupindo e puido chegar a desbordarse para outros lugares fóra de canalizacións. Entón menos mal que fixemos esa revisión, porque hoxe xa nos puxemos a limpar inmediatamente as cunetas e canalizacións para evitar no posible as inundacións”.

O rexedor contou que “en Burela choveu moitísimo onte e se seguira chovendo de noite podería xerar algunha situación preocupante, pero non ocorreu iso. Houbo algún problema na estrada na zona de Pomeda, onde se orixinou un apozamento que pouco a pouco foi desaparecendo. E noutras zonas non houbo grandes problemas. Choveu moitísimo, pero con esas actuacións puidemos evitar que se produzan males maiores. Iso é o que hai procurar no futuro, polo que xa lle vamos dar un bo repaso sobre todo ás zonas perigosas, como son as baixadas naturais e non tanto de Monte Castelo”.

Reloxio
O Concello xa arranxou o reloxio-termómetro, que está situado en Arcadio Pardiñas, e que sufrira unha avaría importante no transcurso dunha treboada. Xa está en funcionamento de novo. “O que imos facer agora é colocar dúas novas fotos para que luza o mellor posible”, indicou Alfreo Llano, o alcalde.

Exit mobile version