Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela loita para reducir os puntos contaminantes detectados no municipio

Burela, 9 de outubro de 2015. Un dos obxectivos do Concello burelés é “aportar augas tratadas cada vez máis limpas ao mar”, segundo puxo de manifesto este mediodía o alcalde, Alfredo Llano, que falou da existencia de dous puntos contaminantes no municipio. Un deles, o detectado na praia de Ril, xa foi arranxado.

O rexedor lembrou que “estes días foi noticia a limpeza das augas, cuestión moi importante para o marisqueo no noso litoral. Burela tiña dous puntos contaminantes, que xa están marcados e tratados. Un é o emisario que procede da EDAR e outro é a desembocadura do río na praia de Ril”.

Llano explicou que “no Concello somos conscientes da existencia destes puntos contaminantes, pero estamos a actuar neles. No caso de Ril, o río Pomeda deu no verán a presenza dunha bacteria e tomamos as medidas pertinentes e incluso baixamos a bandeira azul, distintivo do que goza ese areal, durante uns días. Ese problema quedou solucionado e grazas á investigación realizada soubemos que a orixe estaba nunha canalización que por algunha razón mesturaba augas pluviais e residuais que desembocaban no río Pomeda”. O alcalde burelés subliñou que “se fixeron varias analíticas despois e todas indican que a problemática está solucionada e que non hai contaminación nese punto. Agardo que xa non nos dea problemas no futuro”.

O rexedor tamén se referiu á EDAR: “onte, como xa contaron os meus compañeiros, estivemos en Augas de Galicia falando desta cuestión, para ver o proxecto de ampliación e mellora da actual instalación. Ten que estar máis acorde coas novas tecnoloxías de agora e vai pasar dun proceso químico a un proceso biolóxico, o que suporá que non contaminará tanto e que as augas residuais van ser tratadas de xeito máis efectivo e natural e menos contaminante. O proxecto está en marcha e a ver si se puidese levar adiante o antes posible”.

Alfredo Llano subliñou que “o noso obxectivo é aportar augas tratadas cada vez máis limpas ao mar, como é normal”.

Exit mobile version