Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela resolverá nun prazo de 10 ou 12 días o concurso para adxudicar a limpeza das instalacións municipais durante os próximos dous anos

Burela, 27 de outubro de 2015.- O Concello de Burela resolverá nuns 10 ou 12 días o concurso para adxudicar a limpeza das dependencias municipais durante os dous próximos anos. Así o explicou o alcalde burelés, Alfredo Llano, que indicou que son seis as empresas candidatas a esta adxudicación, procedentes de Lugo, Santiago, Lourenzá, Vigo, Xixón e Valladolid.

O rexedor contou que “estamos no proceso, que xa está realmente na fase final, con respecto a seleccionar unha empresa para que se encargue da limpeza das dependencias municipais. Tivemos unhas seis ofertas, que está moi ben para os tempos que corren, porque ao principio parecía que ao mellor había menos demanda debido ao axustado do prezo, cando a verdade é que consideramos que é un bo prezo para atender as necesidades de limpeza do Concello de Burela, das dependencias tanto dos locais do Concello como dos que están no exterior”.

Alfredo Llano asegurou que este luns “abrimos os sobres, proceso que define claramente as empresas que poden optar a este servizo. Esas seis empresas que lograron o seu pase van ter que agardar 10 ou 12 días para determinar quen vai ser a gañadora, porque agora mesmo están traballando os técnicos do Concello, que son os que deben valorar os asuntos que corresponden ás técnicas, produtos e procedementos, etc. Levaralles uns 10 días facer esa valoración, así que dentro de doce ou quince días xa estará resolta a cuestión do concurso da empresa que se vai encargar nos próximos dous anos, porque imos facer un contrato de dous anos, da limpeza do Concello. Todas elas son moi solventes e esperamos que aquela que gañe sexa merecedora e faga unha boa labor neste Concello, que e o que queremos todos”.

Exit mobile version