Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela retirará da rúas tres coches abandonados que están moi deteriorados e habilitará un local controlado para este fin

Burela, 1 de outubro de 2015.- O Concello retirará das rúas coches abandonados en mal estado e habilitará un local vixiado para gardalos. O goberno local comezará por tres vehículos moi deteriorados e contactará cos propietarios doutros que se atopan na mesma situación para solicitarlles a súa retirada. No caso de non ter resposta procederase á súa recollida por parte do Concello.

O alcalde, Alfredo Llano, contou que “temos aí varios coches que están abandonados, dende hai moito tempo, algúns están moi deteriorados, completamente rotos. Como levan moito tempo hai que sacalos da rúa por dúas razóns fundamentais. Unha delas é por seguridade dos viandantes e dos nenos que puideran meterse dentro. E por outro lado está o medio ambiente e podemos engadir unha terceira, de abandono, de deterioro da imaxe de Burela”.

Os primeiros coches que serán sacados da rúa polo seu mal estado son tres vehículos abandonados dende hai tempo: “imos recoller os que están máis deteriorados, que xa levan moito tempo abandonados, e imos recollelos para un local que está controlado e vixiado. É algo que tivemos que decidir porque senón non hai maneira ou é moi lento de xestionar, xa que quen debe dar a baixa debe ser o propio interesado. Hai unha serie de xestións que debe facer o interesado e se non o fai faise eterna a presenza deses coches abandonados. Polo tanto, habilitamos un local que vai estar controlado e vixiados para poder levar os coches que están por aí abandonados”.

Exit mobile version