Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo asinou coa Deputación un convenio de colaboración para a construción dun paseo peonil en Sargadelos

071015 Foto protocolo DeputacionCervo, 7 de outubro de 2015.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, asinaron este mércores un protocolo de colaboración polo cal o organismo provincial se compromete a achegar 271.000 euros co fin de construír un paseo peonil en Sargadelos. Así o anunciou o rexedor municipal, quen asegura que esta medida vai redundar na seguridade dos veciños e dos moitos visitantes que ten esa zona.

“É unha colaboración pola cal lle quero agradecer á presidenta da Deputación a súa moi boa disposición para que figure nos orzamentos do ano que vén da Deputación Provincial esta inversión importante para facer este paseo peonil, que iría dende a zona do Paraño, en Cervo, un pouco antes de onde está a cerámica de Sargadelos, ata o conxunto histórico-artístico de Sargadelos, en concreto onde están as antigas fábricas de fundición”, detallou o rexedor de Cervo.

Villares engadiu que “é un proxecto co que se van facer unhas beirarrúas, que nos garantiría a seguridade de todos os peóns que circulan por esta estrada, que son moitos: ao longo de todo o ano son todos os veciños de Sargadelos, pero ademais nas épocas estivais e de vacacións é moita a xente que visita o conxunto histórico-artístico de Sargadelos. O orzamento de 271.000 euros para construír estes vieiros é unha actuación que vai redundar en beneficio de todos os cervenses e do noso concello, sen dúbida ningunha, e sobre todo en beneficio daquelas persoas que visitamos un sitio emblemático como é o conxunto histórico-artístico de Sargadelos. Esta obra foi moi reivindicada por este Concello durante os últimos anos e hoxe hai unhas persoas que son capaces de escoitarnos e de comprometerse a executalas para o ano que vén”.

O alcalde asegura que esta actuación “vén corrixir a colocacións dunhas farolas, que foron postas polos anteriores xestores da Deputación, sen comunicarse co Concello nin moito menos, e que non serven para nada. Servirían para algo se foran acompañadas da construción desta senda peonil, que si é a que vai garantir a seguridade das persoas que circulan e que son moitas, por este vieiro”.

O protocolo asinado este mércores contempla que a Deputación comprométese a incluír esta obra nos seus orzamentos para o vindeiro ano 2016 e a executar e financiala integramente, mentres que o Concello de Cervo ten que redactar, aprobar e financiar o proxecto técnico, para que o xa conta cunha memoria valorada elaborada por unha enxeñeira.

Exit mobile version