Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo destina 6.000 euros ás axudas para o transporte de estudantes noutros municipios durante o curso 14/15

Cervo, 1 de outubro de 2015. O Concello de Cervo abriu o prazo para solicitar as axudas destinadas a rapaces que estudaron fóra do municipio durante o pasado curso 2014-2015. Para este fin destínanse 6.000 euros, segundo anunciou este xoves a concelleira de Educación e Facenda, Dolores García Caramés.

Estas axudas son para alumnas e alumnos menores de 30 anos, de familias empadroadas no concello de Cervo, e que estudaron no curso 2014-2015 fóra do termo municipal en centros educativos sostidos con fondos públicos algunhas das ensinanzas que non se imparten no concello cervense.

A concelleira de Educación e Facenda explicou que os estudantes que queiran optar a estas axudas “terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases e presentar a documentación antes do 31 de outubro. Poden recoller información e os formularios na Casa do Mar de San Ciprián e na Casa do Concello de Cervo e posteriormente deberán entregar a documentación e o formulario no Rexistro do Concello. Nesta convocatoria o Concello ten prevista unha partida de 6.000 euros, financiada ao 100% con fondos propios, e cada beneficiario poderá recibir ata 200 euros. O obxectivo é atender todas as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos”.

Dolores García especificou que os solicitantes das axudas “tiveron que cursar algunha destas titulacións no período lectivo 2014-2015: ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios ou escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no instituto de San Ciprián), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas. En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2014-2015 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente”.

A edil de Educación destacou que esta iniciativa “é unha forma de apoiar a formación e o estudo; é unha maneira de apoiar ás familias na formación e o estudo dos seus fillos, ao igual que facemos con outras subvencións, tamén municipais, como é o caso das axudas para material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”.

Exit mobile version