Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo xa empezou a traballar na limpeza e reparación dos danos causados polas chuvias deste luns

201015 REPARACIÓNS DANOS CHUVIAS CERVOCervo, 20 de outubro de 2015.- O Concello de Cervo xa empezou este martes os traballos para a limpeza e reparación dos danos causados polas intensas chuvias deste luns. As zonas afectadas foron visitadas pola concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez Álvarez, e o edil de Obras, Infraestruturas e Medio Rural, Plácido Pérez Otero.

A concelleira de Medio Ambiente explicou que “o Concello de Cervo xa está a traballar no arranxo das consecuencias ocasionadas polas riadas e os posteriores aluvións de moi diversos materiais, provocados polas intensas chuvias ocorridas no día de onte na comarca da Mariña. Así os traballos principais, que xa comezaron hoxe na zona de Figueirido e que continuarán nos vindeiros días noutros lugares do termo municipal cervense, consisten na retirada de árbores, pólas e outros restos de escombros que foron arrastrados e depositados nas canles dos ríos que percorren o concello e que poden chegar a constituír importantes fontes de risco de cara a chegada de chuvias futuras, coma rotura de pontes, inundacións, etcétera”.

Manuela Méndez explicou que “ditos traballos lévaos a cabo o propio Concello de Cervo, por vía de urxencia, a través do servizo de Protección Civil e con axuda de distintos operarios municipais, coordinados pola delegación de Medio Ambiente do Concello. Deste xeito e ao tempo que se efectúan ditas tarefas de limpeza e retirada de materiais, tamén se está a levar a cabo un importante labor de carácter preventivo que, sen dúbida, axudará a que os nosos ríos estean en mellores condicións diante da previsible chegada de novos temporais e chuvias agora que se aproxima o inverno propiamente dito”.

Exit mobile version