Foz, 15 de outubro de 2015. Foz ten nova sinalización sobre os puntos de interese do municipio, logo de que de os carteis vellos, nun estado moi deficiente, fosen substituídos grazas a unha subvención de 18.000 euros da Axencia Galega de Turismo. Así o explicou este xoves o alcalde, Javier Jorge Castiñeira, que salienta o importante que é para o Concello dar unha boa imaxe ante os visitantes que buscan información.
O alcalde cre que “sobre todo de cara á imaxe do pobo é unha inversión moi interesante, porque aínda que aos cidadáns que vivimos todo o día no pobo non nos fai falta esa información, para todos aqueles que nos visitan é unha das primeiras imaxes que levan, os puntos informativos polos que se guían na nosa localidade, nos que buscan lugares de interese turístico, de interese social e de saída e entrada ao Concello. Polo tanto era importante facelo. En total é un investimento de 18.000 euros, que financia totalmente a Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia, unha subvención á que concorreron varios concellos e neste caso o Concello de Foz foi beneficiado con estes 18.000 euros. É unha obra moi interesante xa que o estado das sinalizacións que había era verdadeiramente lamentable, incluso vergoñenta, e mellora con moito a imaxe. Ademais son uns carteis con porte, resistentes e modernos. Estamos contentos de que se substituíran estes carteis, tan necesarios sobre todo para aqueles que nos visitan”, expresou Castiñeira.