Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo recibiu en setembro a solicitude de licenza para o uso hostaleiro do faro da Illa Pancha

Ribadeo, 27 de outubro de 2015.- O alcalde, Fernando Suárez, asegura que foi o pasado mes de setembro cando se presentou no Concello unha solicitude de licenza de obra, acompañada do correspondente proxecto, para o uso hostaleiro do Faro da Illa Pancha. O rexedor responde a través dun oficio á demanda de información formulada por veciños e veciñas de Ribadeo e de fora da localidade sobre os trámites realizados. A oficina técnica municipal requeriulle ao promotor da iniciativa a presentación de diversos informes sectoriais da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente, que deberá presentar. 

Suárez Barcia referiuse “a esa solicitude de información que varios cidadáns tanto de Ribadeo como de fóra de aquí nos fan chegar para que expliquemos en qué momento se encontra o trámite de autorización para a construción dun hotel no Faro de Illa Pancha. Dende o Concello fixémoslles unha contestación que xa foi enviada e ao mesmo tempo queremos, polo principio de transparencia, facela pública a todos os veciños e cidadanía a través dos medios de comunicación”.

O alcalde explicou que “dende que no mes de setembro chegara por fin, despois do que se leva escoitado nos medios de comunicación escritos e radiofónicos sobre o tema do hotel, chegou o proxecto para cambio de uso e modificación ao Concello de Ribadeo. Os servizos técnicos municipais avaliaron esa documentación e fixeron un informe pedindo actualizacións de informes sectoriais: informes da Consellería de Medio Ambiente, Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente tamén, en definitiva unha serie de informes que son necesarios para seguir tramitando o procedemento”. E engadiu que “no Concello de Ribadeo, como noutro Concello do mundo civilizado, as licencias de obra son actos regrados, polo tanto son actos nos que, se se cumpren todas as medidas e determinacións legais a nivel municipal, autonómico ou estatal é imprescindible dar a licenza. Non é a capricho do goberno municipal que queira ou non queira. Tamén é certo que se non se cumpren ou non se poden aportar todos os requirimentos legais que se determinan, o mesmo goberno municipal está obrigado a non dar a licenza municipal”.

Fernando Suárez dixo que “agora a pelota está no tellado do impulsor desta iniciativa, terá que aportar esa documentación requirida e en función dos informes técnicos se son favorables terá autorización e se non o son dende o Concello de Ribadeo teremos que emitir unha negativa á autorización para converter en hotel o Faro de Illa Pancha”.

Exit mobile version