Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro leva a cabo unha serie de obras no Teatro Pastor Díaz

Viveiro, 1 de outubro de 2015.- O Concello de Viveiro comezou a executar, no Teatro Pastor Díaz, unha serie de obras consistentes no cambio do cableado para poder adaptar a instalación eléctrica do teatro á normativa vixente (a lei cambiou en 2007 e a instalación eléctrica non estaba acorde coa nova regulamentación).

Durante a execución desas obras detectáronse certos problemas estruturais nos palcos, desmontouse o falso teito e descubriuse que a madeira non estaba en boas condicións; por esta razón, precintouse unha zona do teatro e iniciáronse os trámites oportunos para proceder, por medios propios, á reposición ou reparación das vigas de madeira existentes. A reparación destes problemas estruturais, aparecidos durante as obras de adaptación da instalación eléctrica, provocou unha demora sobre a data prevista para a finalización dos traballos.

Cómpre facer fincapé con respecto ás obras realizadas e aos problemas estruturais detectados que, tras a rehabilitación integral que se realizara no teatro co goberno popular, nos últimos oito anos, xa con Melchor Roel como alcalde, investíronse máis de 50.000 euros en solucionar distintas anomalías detectadas, ben sexa provocadas polo tempo ou por deficiencias na construción, executando obras na cuberta para evitar as filtracións existentes na zona de butacas e eliminando os problemas de humidade existentes na subida das escaleiras á primeira planta.

Unha vez realizadas as obras, cando se quixo acometer a alta da instalación eléctrica, atopouse outro inconveniente: en 2001 había un proxecto sen visar; en 2007, cambiou a lei de baixa tensión, polo que a instalación que estaba feita e sen dar de alta non estaba acorde coa nova regulamentación. Así pois, foi necesario realizar unha serie de obras na nova instalación:

-Supervisado polo Organismo de Control Autorizado (OCA), da Xunta de Galicia, para cumprir a normativa vixente.

-Cambiar toda a instalación de fío e cableado libre de alóxenos contraincendios (inófugos).

-Cambiar magnetotérmicos e diferenciais e cadro de contadores, colocación de transformadores de intensidade no devandito cadro.

-Cambiar acometida e caixa de acometida.

-Cambiar as luces de emerxencia e colocar unhas trinta máis para cumprir co protocolo de seguridade actual.

Concluíndo, tras facer unha instalación practicamente nova, dende o xoves 17 de setembro, o Teatro Pastor Díaz xa ten a luz de alta, axeitada á nova regulamentación e pasados todos os permisos e autorizacións.

Non se fixeron declaracións aos medios de comunicación previamente, con respecto a este asunto, para evitar alarmas innecesarias e posibles prexuízos, entendendo que este é o momento de explicar o acontecido.

Exit mobile version