Site icon Crónica3.com A Mariña

O GMP “satisfeito e agradecido” coa licitación das obras de ampliación do Hospital

Burela, a 1 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal Popular (GMP) burelés, a través do seu portavoz, José María González Barcia, manifestaba este xoves que “xa non caben dúbidas acerca do cumplimento da palabra dada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sobre a ampliación do Hospital da Costa”.

Para González Barcia, “o anuncio de licitación que publica o DOG de onte é a mostra máis clara e diáfana de que a ampliación do centro hospitalario comenzará a ser unha realidade nuns meses. O investimento de cáseque 13 M€ para a primeira fase, a ampliación de habitacións, consultas externas, salas de diagnóstico, etc., vai significar poñer ó Hospital da Costa a un nivel acorde coas demandas dos tempos nos que vivimos e da sociedade burelesa e mariñá”.

“Non hai mellor forma de cumprir, engade o portavoz popular, que dar cumprimento ás demandas da pobación, ainda en situacións non precisamente de bonanza económica. Outros que tiveron responsabilidades de goberno con situacións económicas ventaxosas nada fixeron polo hospital”.

González Barcia dixo que “o PP burelés e a maioría da sociedade burelesa estamos satisfeitos por este novo e decisivo paso dado polo goberno de Núñez Feijóo, e estamos tamén satisfeitos porque os prazos dados polo propio presidente o pasado 18 de marzo aquí, en Burela, se están cumplindo, o que tamén é de agradecer”.

Finalmente, Barcia indicou que “a pesares de todo, quedan algúns que non creen en nada, e que mesmo cando as obras estean a piques de rematar serán capaces de dicir que non se poñerán en servizo. Eses son os que sempre protestaron e nunca nada fixeron, e que teño as miñas dúbidas de que realmente queiran que o hospital se amplíe”.

Exit mobile version