Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Acción Costeira da Mariña-Ortegal avanza na Estratexia de Desenvolvemento Local trala xuntanza celebrada na Fundación Ortegalia

sesion-ortigueiraOrtigueira, 22 de outubro de 2015. O proceso para a elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local Pesqueiro da Mariña-Ortegal ata 2020, iniciado hai dúas semanas, continuou onte cunha segunda rolda de mesas de traballo, celebrada na Fundación Ortegalia, en Ortigueira. Ao encontro asistiron preto de medio cento de profesionais, representantes dos sectores pesqueiro, social, económico e opúblico da zona, que de forma participativa definiron os obxectivos sobre os que se deben perfilar os proxectos de futuro no marco da Estratexia.

A sesión estivo estruturada en tres mesas de traballo, centradas no desenvolvemento do sector pesqueiro, do turismo e do patrimonio cultural e ambiental. Entre os obxectivos específicos abordados na xuntanza de onte, destacan a creación dunha imaxe de marca do territorio A Mariña-Ortegal, o incremento de novas iniciativas de transformación e comercialización, a instauración dun modelo organizativo que garanta unha pesca sostible, o aproveitamento dos descartes da pesca e o aproveitamento dos recursos ambientais e naturais da zona para actividades turísticas.

As entidades participantes incidiron na importancia da implantación de novas empresas de transformación vinculadas ao ámbito artesanal, con novas formas de conservación e envasado; e fixeron tamén apostas novidosas, como o arranxo dos elementos de mobiliario urbán da zona costeira, coa colaboración de entidades que persiguen a integración social de persoas con discapacidade. Campionatos gastronómicos ou rutas de pinchos son outras das iniciativas postas de relevo, co denominador común de integrar a diferentes axentes da economía local, como o sector pesqueiro, o conserveiro, o agrario e o hostaleiro.

O proceso remata o 4 de novembro en Celeiro
A elaboración da Estratexia é un proceso aberto, dirixído principalmente ás entidades do sector pesqueiro, institucións locais, organizacións e entidades sociais de carácter público e privado, así como á cidadanía en xeral. A elaboración desta Estratexia é de vital importancia para o futuro desenvolvemento da zona pesqueira, polo que a participación da cidadanía neste proceso é de gran relevancia.

O proceso conclúe o día 4 de novembro. coa realización dun Foro Final en Celeiro.

Exit mobile version