Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Acción Costeira da Mariña Ortegal reúne a máis de 60 profesionais para sentar as bases da Estratexia de Desenvolvemento Local ata 2020

Viveiro, 8 de outubro de 2015. Máis de 60 profesionais representantes dos sectores económicos e sociais da zona costeira A Mariña-Ortegal participaron este mércores en Celeiro nunha sesión na que se propuxeron máis dunha decena de iniciativas, para sentar as bases da Estatexia de Desenvolvemento Local Pesqueiro ata 2020. A xuntanza, convocada polo Grupo de Acción Costeira A Mariña-Ortegal estivo estruturada en tres mesas de traballo, centradas na economía pesqueira, o turismo e o patrimonio natural e cultural.

Entre os colectivos representados, había confrarías, redeiras, asociacións de mariscadoras, do sector medioambiental, do ámbito patrimonial, do turismo e do comercio. A dinámica de traballo estivo caracterizada polo dinamismo e alta colaboración das persoas asistentes, que traballaron en grupos reducidos de 3 ou 4 persoas, sobre os obxectivos formulados no proceso.

Como resultado desa dinámica, a sesión deparou un paquete de máis dunha decena de propostas, no conxunto das tres mesas de traballo. A mesa do sector pesqueiro propuxo iniciativas como a creación dunha plataforma web para a comercialización e distribución de produtos pesqueiros da Mariña e Ortegal, accións de formación para que a mocidade estea motivada para acceder ao sector, medidas para afondar no aproveitamento de especies ata agora con pouco potencial, medidas para a investigación e establecemento de convenios con entidades de diferente natureza, como centros de hostalería ou de investigación.

A mesa do sector turístico aposta, entre otras accións, pola posta en valor do Camiño do Mar, a distinción mediante premios de proxectos de rehabilitación de espazos que afonden na imaxe de ‘vilas mariñeiras’ e o impulso de sinerxias entre os portos pesqueiros e o turismo.

Pola súa banda, a mesa de patrimonio propuxo como liñas de traballo futuro a rehabilitación de infraestruturas industriais (cetáreas, antigas fábricas, etc) para a súa transformación en centros creativos e de dinamización cultural, o avance na recuperación do patrimonio cultural inmaterial vencellado ás tradicións e lugares mariñeiros, o fomento de sinerxias entre entidades para a posta en valor do patrimonio e accións divulgativas para o alumnado dos centros de ensino co obxecto de afondar na preservación dos recursos naturais das zonas costeiras.

Futura sesión: o mércores 21 en Ortigueira
Coa sesión deste mércores deu comezo o proceso de elaboración da Estratexia de desenvolvemento local pesqueiro da Mariña-Ortegal, EDLP 2014-2020, un proceso que terá continuidade cunha próxima xuntanza o día 21 deste mes na Fundación Ortegalia, na localidade coruñesa de Ortigueira.

Prevese que o proceso de elaboración da estratexia se peche o día 4 de novembro coa realización dun Foro Final en Celeiro.

A participación nestes espazos é aberta, dirixíndose principalmente ás entidades do sector pesqueiro, institucións locais, organizacións e entidades sociais de carácter público e privado, así como á cidadanía en xeral. A elaboración desta Estratexia é de vital importancia para o futuro desenvolvemento da nosa zona pesqueira, polo que a participación da cidadanía neste proceso é de gran relevancia.

Exit mobile version