Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo de Acción Costeira da Mariña Ortegal traballa na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local do FEMP

Viveiro, 7 de outubro de 2015. Desenvolver un proceso participativo na elaboración a Estratexia de Desenvolvemento da Zona Pesqueira (EDLP), é algo prioritario para o Grupo de Acción Costeira A Mariña Ortegal. Integrar a opinión dos axentes e entidades do territorio é de vital importancia á hora de definir o futuro da zona pesqueira.

A definición de retos e obxectivos para o desenvolvemento sostible da zona é a principal motivación pola cal se realizan as mesas sectoriais de traballo. A primeira reunión das mesas terá lugar esta tarde a partir das 17.00 horas no Salón de Actos da Confraría de pescadores de Celeiro. A segunda reunión celebrarase o día 21 deste mes na Fundación Ortegalia, na localidade coruñesa de Ortigueira. Prevese a realización de tres mesas que aborden as áreas de desenvolvemento pesqueiro, desenvolvemento económico, especialmente do turismo, e unha sobre o aproveitamento e posta en valor dos recursos naturais e o patrimonio cultural da zona costeira.

A maiores, o proceso de elaboración da EDLP, tentará reforzar a participación de entidades e persoal técnico de confrarías e municipios, mediante a constitución da Comisión de Seguimento e a Comisión Técnica, co fin de vertebrar as actuacións que se vaian a desenvolver no territorio, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Prevese que o proceso de elaboración da estratexia se peche o día 4 de novembro coa realización dun Foro Final en Celeiro.

A participación nestes espazos é aberta, dirixíndose principalmente ás entidades do sector pesqueiro, institucións locais, organizacións e entidades sociais de carácter público e privado, así como á cidadanía en xeral. A elaboración da Estratexia é de vital importancia para o futuro desenvolvemento da nosa zona pesqueira, polo que a participación da cidadanía neste proceso é de gran relevancia.

Sobre a candidatura a Grupos de Acción Local de Pesca
A Consellería do Medio Rural e do Mar, publicou no Diario Oficial de Galicia do 16 de abril, a Orde da convocatoria de selección de candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 en Galicia.
O GAC A Mariña Ortegal foi seleccionado como candidato a Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro, para o vindeiro período de programación 2014-2020, do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, en virtude do acordo adoptado pola Consellería do Medio Rural e do Mar con data de 31 de xullo de 2014. Na actualidade son sete os Grupos de Acción Costeira, que foron seleccionados para converterse en GALP.

Exit mobile version