Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo de teatro Os Trocos presenta en Burela a súa obra ‘Almacéns Nova Chaira’

teatro-praiaBurela, 16 de outubro de 2015. A Asociación Cultural Os Trocos representará este sábado, 17 de outubro, na Casa da Cultura de Burela, ás 20.00 horas, a obra Almacéns Nova Chaira, unha peza ambientada a finais dos anos 50 na chaira lucense. A representación forma parte do programa Buxiganga. Proxecto Teatral 2015, que a Área de Cultura da Deputación achega aos municipios da provincia. En Burela inclúese no ciclo de Teatro de Outono da Delegación de Cultura. A entrada é gratuíta.

Almacéns Nova Chaira conta a historia dun negocio que é moito máis que un traballo para xefes e empregados que abren as portas das súas ilusións e decepcións en cada función. Leas de saias, débedas e moitos segredos mal silenciados conviven baixo este pazo das compras onde se satisfan todos os caprichos, ata os máis íntimos.

A Asociación Cultural Os Trocos dedícase ao estudo, recuperación e promoción da cultura e tradicións, así como ao desenvolvemento cultural e artístico das tradicións da comarca da Terra Chá. Até o momento participou nas comparsas do Entroido por diversos municipios da provincia e levou varios premios pola súa orixinalidade nos desfiles. O grupo de teatro Os Trocos nace ao aveiro da Escola de Teatro Municipal de Castro de Rei no ano 2012. Dende entón participan de xeito activo no programa Buxiganga, ao que se presentaron no 2013 coa peza Falamos de cartos. Ademais, participaron na Mostra de Teatro Cómica da Vila de Sarria coa obra Camping Gas.

Os Trocos xa estiveron este verán en Burela representando unha obra na praia do Portelo, que tivo moito éxito.

Exit mobile version