Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular acada o apoio unánime no Parlamento galego á súa iniciativa para que os propietarios de montes ordenados reciban máis axudas públicas

Santiago, 9 de outubro de 2015.- O Parlamento galego vén de aprobar, por unanimidade, a iniciativa do Grupo Popular na que insta á Xunta a dar prioridade no acceso ás axudas e subvencións públicas a aqueles propietarios de montes que dispoñan dun instrumento de ordenación e xestión forestal.

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, agradeceu o voto favorable de todas as forzas políticas presentes na Comisión de Agricultura da Cámara galega, reunida esta mañá, e indicou que este apoio evidencia o compromiso inequívoco de Galicia, a primeira potencia forestal de España, co obxectivo de dispoñer duns montes máis ordenados e sustentables.

A administración autonómica debera agora introducir criterios de discriminación positiva para aqueles montes que dispoñan destes instrumentos de ordenación e xestión, que apliquen, en definitiva, o catálogo de boas prácticas forestais. Balseiro sinala entre as vantaxes a conseguir: un maior valor da madeira e doutros aproveitamentos, o mantemento da riqueza ambiental e da biodiversidade e maiores garantías de produtividade.

TRANSACCIÓN CO BNG
O acordo final é froito dunha transacción co BNG, que había introducido unha emenda de substitución ao texto proposto polos populares, substitución á que finalmente renunciou. O mandato aprobado inclúe literalmente a iniciativa do PP e engade, como catálogo non pechado de obxectivos a perseguir pola administración, entre outros, o aproveitamento multifuncional do monte; unha cultura que leve aparellada a produción de madeira de calidade orientada á súa transformación; a utilización de especies frondosas e autóctonas caducifolias e tamén aquelas iniciativas que teñan como finalidade a agrupación ou explotación en común de propiedades forestais.

Exit mobile version