Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular facilitará un acordo no Parlamento instando á Xunta a apoiar á antiga ECESA para recuperar a súa actividade e emprego

Santiago, 20 de outubro de 2015.- Os deputados do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra explicaron este martes que a formación política á que pertencen –a maioritaria na Cámara- facilitará un acordo na Comisión de Industria do Parlamento de Galicia, que se celebra mañá mércores, polo que se insta á Xunta a adoptar todas as iniciativas que sexan precisas para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo vinculados á empresa Área Mineira do Atlántico, isto é, a antiga ECESA de Burela.

GARANTIR A ACTIVIDADE E O EMPREGO
Balseiro e Martínez-Sierra lembran que a empresa declarou concurso de acredores en marzo de 2014 e en decembro dese mesmo ano deu inicio o proceso de liquidación. Tras celebrarse a poxa de liquidación da compañía hai un novo grupo mineiro adxudicatario provisional da propiedade (o Grupo SAMCA) que asumiu dous compromisos concretos: Realizar un investimento, nun prazo entre 2 e 5 anos, de 10 millóns de euros; e crear unha bolsa de emprego cos antigos traballadores da empresa, co compromiso de contratalos.

Os deputados do Grupo Popular queren que estas dúas opcións poidan facerse realidade o antes posible e lembra que a propia Xunta comprometeuse a intervir, en apoio desta actividade e dos empregados, dentro das súas capacidades e competencias, “vontade que compartimos e á que instamos a realizar con urxencia”.

ÚNICO ESCOLLO: PENDENTE DE RESOLVER OS RECURSOS
Desde o Grupo Popular aclaran que o único escollo que queda é que a transmisión da empresa aínda non é firme, restan por resolver varios recursos no xulgado do Mercantil “e, polo momento, temos que esperar eses pronunciamentos, pois determinarán de quen é a propiedade”

“Cando a adxudicación sexa firme a Xunta deba falar co propietario e traballadores para servir de apoio á reactivación desta importante compañía. Tanto o Grupo Popular como tamén a Xunta de Galicia, así nos consta, temos o máximo interese en que esta mina volva á actividade, e de aí que fagamos posible este acordo parlamentario, porque o seu produto segue a ter un grande prestixio internacional e de grande demanda pero, sobre todo, porque suporía recuperar un motor económico e de emprego na zona”.

Exit mobile version