Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular insta ao Consello Forestal de Galicia a elaborar un ditame técnico con ideas para mellorar a prevención e loita contra os incendios forestais

Santiago, 17 de outubro de 2015.- O portavoz de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha proposición non de lei na que insta aos integrantes do Consello Forestal de Galicia a que elaboren un ditame con ideas para mellorar, se cabe, a loita contra os incendios forestais.

Balseiro defende a eficacia e operatividade do actual dispositivo de prevención e extinción, ata o punto de lembrar que nos últimos anos permitiu avanzar dun xeito significativo en todas as ratios obxectivas de valoración dos lumes (número de incendios, superficie queimada, número de conatos). Porén, amósanse disposto a abrir un debate capaz de achegar novas ideas e estratexias para protexer os nosos montes.

“Desde o Grupo Popular sempre defendemos que acabar con esta lacra esixe da colaboración e implicación de todos. Defendemos a necesidade de facer un esforzo de consenso, superando toda diferenza partidista, e situar aos técnicos e representantes do sector como primeiros protagonistas á hora de orientar a proposta de medidas que podan levar á redución efectiva dos incendios forestais”, explicou Balseiro.

Balseiro considera que un espazo ideal para desenvolver este primeiro debate de achega de ideas é o Consello Forestal de Galicia. Deste xeito, lembra que este é o principal órgano consultivo e asesor da Administración forestal no que están representados, ademais da Xunta, produtores, industria forestal, Fegamp e diferentes organizacións agrarias e conservacionistas.

Con todo, o portavoz popular tamén abre a porta a participar neste debate ao conxunto das forzas políticas parlamentarias e, de feito, a iniciativa demanda que, unha vez elaborado este ditame, sexa trasladado á Cámara galega “para o seu estudo, valoración e enriquecemento” por parte de todas as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia.

Momento axeitado
José Manuel Balseiro considera que “este é o momento máis acaído para abrir este proceso participativo posto que, unha vez rematada a época de alto risco, hai que planificar a estratexia a desenvolver ao longo dos próximos meses, coa mirada posta na campaña de verán de 2016”.

Ademais, Balseiro recorda que o Consello Forestal traballa na reforma e actualización do Plan Forestal de Galicia, un documento que establecerá a estratexia a seguir para a posta en valor e mellor aproveitamento produtivo dos montes galegos, “obxectivo básico que nace baixo a premisa de consolidar un sector no que somos a primeira potencia forestal de España e unha das máis importantes de Europa”.

Exit mobile version