Site icon Crónica3.com A Mariña

O hipermercado Eroski e o Concello de Ribadeo asinan un convenio para a distribución dos excedentes de alimentos próximos á caducidade entre as familias con dificultades

eroski-ribadeoRibadeo, 20 de outubro de 2015. A concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, e o xerente do Hipermercado Eroski de Ribadeo, Andrés Neira, asinaron este martes un convenio para a distribución dos excedentes de alimentos por próxima caducidade entre as familias con dificultades económicas do concello.

Este novo convenio súmase ao programa de reparto de alimentos que, desde hai catro anos, se ven desenvolvendo diariamente por parte dos servizos sociais municipais. O Concello asinou no ano 2012 un convenio igual coa cadea asturiana de supermercados Alimerka, a través da súa Fundación, que segue activo: “o que recollemos e repartimos son alimentos frescos, que están próximos á caducidade, de seccións como panadería, repostaría ou froitería. Son excedentes que quedaron sen comercializar e que se atopan en perfectas condicións para seren consumidos”.

Segundo os datos facilitados pola Concellaría de Servizos Sociosanitarios son unhas 40 familias, a maioría con fillos, as que se benefician deste programa, ademais de transeúntes.

En total a través do banco de alimentos neste momento estase a prestar axuda a unhas 100 familias no concello de Ribadeo.

Exit mobile version