Site icon Crónica3.com A Mariña

O monfortino Dani de la Torre, director de El desconocido, inaugura o xoves o novo curso da Escola de Imaxe e Son

O monfortino Dani de la Torre, que vén de debutar con grande éxito de público e crítica como director de longametraxes con El Desconocido, participará o xoves, xunto ao Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, na inauguración oficial do curso 2015-2016 da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual. A inauguración terá lugar ás 12:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e estará aberta a todo o público interesado.

De la Torre impartirá unha charla destinada especialmente ao alumnado dos ciclos de Redacción e Produción da EIS, durante a que se proxectará un vídeo de como se fixo El Desconocido, un thriller psicolóxico trepidante e tecnicamente moi complicado. A película, que acadou un importante éxito nos festivais de Venecia e San Sebastián, ten unha grande presenza galega, xa que foi rodada na Coruña, co lucense Luis Tosar como protagonista e Vaca Films na produción.

Talento lucense
Dani de la Torre é un director, realizador e guionista nacido en Monforte de Lemos en 1975. Logo de estudar Imaxe e Son, empezou como guionista e montador, aínda que a súa experiencia profesional se centra no ámbito da realización en programas da Televisión de Galicia, labor que compaxina coa dirección de curtametraxes, publicidade e videoclips. Ademais dirixiu publicidade para a Radio Galega, a Cidade da Cultura e a Santiago Film Commision.

Entre os seus traballos destacan as curtas X nada, Bos días, Lobos e Minas e a miniserie Mar Libre, galardoada en festivais tan prestixiosos coma os Houston ou Chicago. Entre outros recoñecementos tamén hai que subliñar que quedou finalista coa reportaxe Gaiteiras da TVG aos premios CNN World Repor de Atlanta e nos Premios Goya á mellor curtametraxe por X nada.

Profesionais de prestixio na TIC
Dani de la Torre súmase a unha longa lista de profesionais de prestixio, referentes no mundo audiovisual a nivel nacional e internacional, que expuxeron a súa experiencia ós alumnos da TIC, como os directores Gracia Querejeta, Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz, Jorge Coira, Carlos Sedes e Alejandro Marzoa; os produtores José María Besteiro, Julio Fernández e Pedro Revaldería; os actores Luis Tosar e Antonio Mourelos; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero ou o técnico de son e produtor artístico, Segundo Grandío.

Exit mobile version