Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa UNED e Radiofoz, organiza a VII Edición do Video-Fórum «Mulleres no Mundo»

Video ForumFoz, 29 de outubro de 2015.- Un ano máis o Observatorio da Mariña pola Igualdade aposta polo cinema como medio para coñecer e afondar na realidade de mulleres doutros lugares máis ou menos afastados de Galiza. Para o VII edición do video-fórum «Mulleres no Mundo» o Observatorio da Mariña Pola Igualdade contará, como nas edicións anteriores, coa colaboración da UNED e de Radiofoz. Ao remate desta edición serán máis de 30 as películas proxectadas ao longo de toda a historia do evento. A través delas, o público puido achegarse ao cine de Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá, Suíza, Arabia Saudita, España… Cinema dirixido na súa maioría por mulleres, recoñecido e premiado e que, aínda así, non chega moitas veces ás carteleiras das salas da Mariña nin das cidades galegas.

Este VII Video-fórum «Mulleres no Mundo» que organiza o Observatorio aposta polo cinema dirixido por mulleres. Por tanto, nesta edición 3 das 4 cintas son asinadas por directoras, sendo a 4ª co-dirixida por unha muller e un home. Ao igual que nas últimas edicións, continúa o formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O VII Vídeo-Forum «Mulleres no Mundo» desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 5 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. Poderán asistir todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar a concesión de créditos de libre configuración ás persoas participantes. O prazo de inscrición xa está aberto, de modo que quen desexe anotarse na actividade, totalmente gratuíta, poderá facelo póndose en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou ben de forma presencial, acudindo ás aulas da universidade en Foz (Rúa Castelao, s/n).

Como en edicións previas, as sesións do VII Video-Fórum estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme para, a continuación, realizar o pase da película que corresponda a cada día:

● 5 de novembro: XXY: Dirección de Lucía Puenzo. Arxentina.
● 12 de novembro: Gett: el divorcio de Viviane Amsalem. Dirección de Ronit e Shlomi Elkabetz.Israel.
● 19 de novembro: A cicatriz branca. Dirección de Margarita Ledo. Galiza.
● 26 de novembro: Hysteria. Dirección de Tanya Wexler. Reino Unido

Ao finalizar, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme. Haberá unha monitora a conducir as reflexións do grupo, tratando de que se manteña sempre unha metodoloxía participativa e aberta.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén disto, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as achegas das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Máis información en:
http://unedaulafoz.blogspot.com

Exit mobile version