Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento de Mar para o 2016 sube en 42 millóns de euros e céntrase en sumar valor á pesca e en impulsar o marisqueo, a acuicultura e o desenvolvemento local

Santiago, 26 de outubro de 2015.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou este luns no Parlamento que o seu departamento contará no 2016 cun orzamento de 129,2 millóns de euros, 42 millóns máis que neste 2015. Esta cifra reflicte que a suba porcentual desta consellería (de case o 50% sobre as disposicións deste ano) é dez veces superior á do resto de consellerías.

A conselleira explicou que esta consolidación á alza vén dada pola maior disposición de fondos da Xunta en xeral e pola dotación económica do novo Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP). Neste sentido, lembrou que Galicia disporá para 2016 de 364 millóns de euros máis no seu orzamento ata acadar os 8.804, un incremento que tamén se traslada á cifra destinada ás Consellerías.

En canto á asignación orzamentaria do novo FEMP, sinalou que, para o período 2014-2020, Galicia contará cun montante global de achega pública próxima aos 500 millóns de euros. Esta cantidade, explicou, irá preferentemente destinada ao desenvolvemento dun plan de apoio á pesca sostible, con 158 millóns de euros; ao relanzamento da acuicultura como actividade xeradora de riqueza e emprego, con 128 millóns de euros, e á diversificación e complementación da economía marítimo-pesqueira, con case 60 millóns de euros.

A titular de Mar destacou que este orzamento estará centrado en catro liñas que coinciden “coa aposta xeral da Consellería para o noso mar”. Unha delas é a de avanzar na consecución de maior valor engadido polos produtos da pesca e outra a de conseguir unha redinamización da acuicultura como fórmula de xeración de emprego e riqueza nas zonas costeiras non urbanas. As outras dúas liñas son a de expandir a potencialidade produtiva do marisqueo e consolidar os seus modelos de traballo asociativo e ampliar as posibilidades de diversificación e complementación económica e laboral.

Valor engadido, pesca artesanal e acuicultura
Na procura de maior valor engadido para os produtos cobrará especial relevancia a Dirección xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, xa que, segundo explicou Rosa Quintana, entre os seus obxectivos fundamentais está “a mellora da comercialización, entendida como pescar ben e vender mellor”. Por iso, subliñou, reforzaranse os programas de mellora da competitividade e da produción nun 63%, destacando a multiplicación dos fondos destinados á transformación e comercialización de produtos do mar, aos que se destinan máis de 13 millóns de euros. Ademais ascenderán nun 36% os fondos do programa de regulación de mercados.

Ademais, sinalou, “cobra especial relevancia o comezo da definición das medidas que conforman o Plan de desenvolvemento, sostibilidade e competitividade da pesca artesanal en Galicia”, que contará cun plan de emprego e formación. Tamén os plans de mellora da comercialización de determinados recursos e o impulso das marcas de calidade e denominación de orixe. Para tal fin o orzamento incorpora medidas que superan os 5,4 millóns de euros no relativo á flota, nas que terán preferencia as embarcacións artesanais, e tamén de comercialización.

O relanzamento da acuicultura é outro dos obxectivos básicos desta dirección. Neste eido, Rosa Quintana, sinalou que se incrementan as partidas destinadas a potenciar esta actividade, destacando as formuladas para apoiar os investimentos produtivos, que superan os 12 millóns de euros. Tamén as axudas para a consolidación da saúde animal neste ámbito, que recolle 1,5 millóns de euros.

Marisqueo, formación e desenvolvemento local
Para continuar afondando na potencialidade produtiva do marisqueo e no seu modelo de traballo asociativo, Rosa Quintana explicou que este orzamento promoverá “proxectos integrais que redunden na xestión responsable dos recursos mariños e na súa salvagarda”, subindo os fondos destinados a este fin nun 53%. Ademais destacan os case 8 millóns de euros destinados aos proxectos colectivos e os preto de 2,5 millóns de euros para a conservación, avaliación e xestión de zonas de produción.

A formación dos profesionais do mar é outro aspecto importante para a Consellería, de aí que, segundo destacou a conselleira do Mar, “teña un orzamento á alza neste proxecto de presupostos”. De feito, aumentará a inversión en proxectos de investigación e presta especial atención ás ensinanzas pesqueiras, que ven medrar en case un 20% os seus fondos.

Ademais, o novo FEMP fai que neste orzamento destaque o impulso do desenvolvemento local costeiro. Segundo avanzou a titular de Mar, neste apartado destacan os máis de 9 millóns de euros que recibirán os Grupos de Acción Local Pesqueira –GALP- (os que se denominaban GAC no programa operativo anterior), dirixidos á dinamización económica, social e cultural das zonas de pesca.

Intecmar e Gardacostas
Outros dous aspectos importantes para a Consellería do Mar son o control do medio mariño e da produción con destino a fins alimentarios e a seguridade e loita contra a contaminación no mar. No caso do control da seguridade alimentaria, a conselleira informou que para o 2016 se incrementa en preto dun 13% o orzamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), “estando previsto adquirir novos equipamentos para a realización de analíticas co fin de darlle aínda mellor resposta ás necesidades do sector”.

En canto á seguridade e loita contra a contaminación no mar, Rosa Quintana destacou que o Servizo de Gardacostas de Galicia verá reforzado o seu orzamento cunha suba de case un 11%. Con eses fondos, sinalou, blíndase o sistema de busca e salvamento e de loita contra a contaminación mariña e contra o furtivismo. Neste sentido, puxo como exemplo a posibilidade de aumentar os medios humanos do servizo coa convocatoria de 20 novas prazas, que se prevén cubrir no 2016.

Portos
En canto ás instalacións portuarias e infraestruturas pesqueiras, a titular de Mar sinalou que “se verán melloradas grazas a un incremento dos seus fondos nun 53%”, destinados á construción e conservación. Así, este orzamento permitirá a posta en marcha de proxectos en varias dársenas para dotalos de abrigo ou/e melloralos; como por exemplo, nos casos de Burela, Portonovo, Fisterra e Meloxo, entre outros. Tamén permitirá atender a reordenación de dársenas coma a de Cabo de Cruz (Boiro) coa colocación de pantaláns cara o sector profesional.

Exit mobile version