Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP burelés asegura que “o segundo equipo de HADO do Hospital confirma que se seguen gañando máis servizos sanitarios”

Burela, a 17 de outubro de 2015.- O Partido Popular de Burela manifestou este sábado que “a noticia da posta en marcha dun segundo equipo de hospitalización a domicilio no Hospital da Costa ubicado na nosa localidade é moi satisfactoria. Esta noticia vén a confirmar unha vez máis que o Hospital segue gañando máis servizos sanitarios, mellorando a atención ó doente e acercándolle a atención sanitaria todo o posible”.

“Sobre a posta en marcha deste segundo equipo víñase traballando desde principios de ano por parte da Consellería de Sanidade, e tal e como tén acontecido coa posta en marcha do servizo de quimioterapia, o traballo feito con carácter previo agora vai ser unha realidade”, afirmou o PP burelés.

“Unha realidade”, afirma o PP burelés, “que apreciarán positivamente as persoas que teñan que facer uso do mesmo, igual que se valora o traballo do primeiro equipo”.

Para o PP de Burela, “esta nova vén a corroborar que o Hospital só incrementa servizos co goberno de Núñez Feijoo, que tén apostado decididamente polo Hospital da Costa para potenciar e incrementar os seus servizos, e para levar a cabo a ampliación que toda a Mariña desexa, ampliación da que xa se licitaron as obras da primeira fase cun importe de 12’8M€ e que permitirá contar cun centro sanitario de primeira orde”.

Os populares bureleses aseguran que “por desgraza, seguirá habendo quen sexa capaz de dicir que ainda se está a desmantelar o Hospital da Costa; a esas persoas pedímoslles un momento de reflexión e de abrise á evidencia, porque está claro que non é máis cego quen non ve, senón quen non quere ver”.

Exit mobile version