Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP censura o “espectáculo lamentable” que ofrecen PSOE e BNG na Deputación

Lugo 10 de outubro de 2015.- O deputado do Grupo Provincial do Partido Popular e ex vicepresidente da Deputación, José Antonio García, censura que o PSOE e o BNG ofrezan un “espectáculo lamentable” na Deputación de Lugo no que só imperan os intereses particulares e non o interese xeral da provincia. O deputado considera que socialistas e nacionalistas evidencian “co circo político que teñen montado estes días” que os cidadáns e os problemas da provincia non figuran na súa axenda.

“Agora falan de negociacións cando se supón que levan tres meses para pechar un Goberno e que xa chegaran a un acordo. Estanlle dando as costas aos cidadáns con pactos escuros e acordos na sombra e, o que nos parece máis grave, desatendendo as necesidades desta provincia preocupados unicamente polo rédito persoal que cada un dos membros do Goberno vaia sacar desta nova alianza de perdedores”.

O deputado do PP considera “inaudito” que socialistas e nacionalistas estean outra vez enfrontados “cando só pasaron 24 horas desde que accederon á presidencia da institución”. “Parécenos unha tomadura de pelo de cara os cidadáns e a forma máis ruín de deslexitimar a unha institución que ten como cometido velar polos intereses de todos os veciños e veciñas da provincia”.

“Fanlle dano á institución, á política e aos representantes de todos os cidadáns. Non só non se poñen de acordo e se contradín en asuntos tan relevantes como a composición do novo Goberno, senón que ademais carecen dun proxecto común nin en solitario que veña a dar resposta aos problemas que afronta o noso territorio e aos que o PP xa estaba dando resposta desde o primeiro día da súa chegada á Deputación”, explica García.

Besteiro, cómplice necesario
O deputado do PP critica que, “unha vez máis, e xa perdemos a conta das que van, o señor Besteiro tira a pedra e esconde a man ao dicir que toca negociar cando levan tres meses de intensas negociacións e pactos na sombra dos que os cidadáns nada saben”. “Non nos contaron por qué o señor Martínez cambiou de idea, tampouco porque agora ao BNG xa non lle vale o acordo cando o xoves lle valía. E son estas mesmas as persoas que aspiran a xestionar os nosos recursos públicos”, esgrime o popular.

“Dos oito anos que gobernou o bipartito na Deputación e desta nova etapa que se abre agora só temos clara unha cousa: gañan os señores deputados do PSOE e do BNG e os seus amigos, todos os estómagos agradecidos aos que seguir mantendo. E quen perde? Perden todos os cidadáns lucenses”, conclúe.

Exit mobile version