Site icon Crónica3.com A Mariña

O PsdeG-PSOE de Ribadeo detecta novas irregularidades durante unha nova reunión cunha das candidatas a secretaria do alcalde

O grupo municipal do PSdeG- PSOE de Ribadeo ven de reunirse de novo cunha das candidatas admitidas no proceso de selección da convocatoria de técnico de xestión. “Non saímos do noso asombro cos novos detalles que nos transmite”, explica o voceiro socialista Roberto Ramos.

Así relata que “conta que no primeiro exercicio, realizado o pasado 22 de setembro, e que consistía en desenvolver por escrito, durante un período máximo de dúas horas, dous temas determinados polo Tribunal inmediatamente antes de comezar o exercicio e relacionados coas materias comprendidas no programa ANEXO I (60 temas en total), como consta nas bases que rexen a convocatoria da praza, NON se realizou sorteo para escoller estes temas, que é a práctica habitual nun proceso transparente, senón que os elixiron os compoñentes do tribunal arbitrariamente”.

“Isto loxicamente levanta as sospeitas da candidata sobre a transparencia e honestidade de todo este proceso e levouna a non presentarse á segunda proba, a cal entende que tamén e manipulable e filtrable ó tratarse dunha serie de supostos prácticos que, necesariamente, teñen que estar redactados de antemán”, cre.

Ramos considera que “é penoso escoitar estas declaracións dunha persoa que preparou con toda a ilusión unha oposición e que viu truncada as súas posibilidades de superala con éxito por manobras que fan pensar que este proceso incumpre os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade para volver ás prácticas que mesmo o partido que goberna hoxe en Ribadeo, co actual alcalde á cabeza, ten denunciado na súa etapa na oposición”.

O socialista apunta que “nós seguiremos o desenlace do proceso e permaneceremos á espera do informe xurídico que temos solicitado e que, sexa cal sexa o seu contido, non poderá eliminar o tufo que desprende esta convocatoria”.

Exit mobile version