O restaurante O Tumbín Ponte dos Santos está rexentado por Julián García e Guadalupe Iglesias, matrimonio que ata agora e desde 1998 tiveron outro establecemento hostaleiro similar no barrio do Tumbín, na parroquia ribadense de Vilaframil. O motivo do cambio é que consideran que esta nova ubicación é mellor, por estar no casco urbano de Ribadeo, e ademais o local é máis amplo.
Do mesmo xeito que facían no anterior emprazamento Guadalupe Iglesias e Julián García, xunto cos demais traballadores do establecemento, seguirán ofrecendo varias especialidades típicas da cociña asturiana, pero O Tumbín Ponte dos Santos tamén conta con outros moitos pratos tanto no menú do día como na carta. “Vai seguir habendo a fabada asturiana, o pote asturiano, as fabas con ameixas, os rolos de repolo recheos de carne, o cachopo e outros moitos pratos”, explica Julián García, quen engade que “a base fundamental deste restaurante é a cociña caseira e ademais de pratos típicos de Asturias, que temos moitos porque aos nosos clientes lles gustan, ofrecemos tamén outros, como peixes en diversas preparacións, paellas, etcétera”. Ademais anunciou que teñen previsto organizar diferentes xornadas gastronómicas nos próximos meses.
Julián García tamén comentou que ao estrear nova ubicación para o seu establecemento “a idea é crecer, porque aquí dispoñemos dun local máis amplo, tanto na zona de bar como na de restaurante, o que pode permitir que aumente a nosa clientela. E pretendemos ser ún máis dos restaurantes de Ribadeo nos que se poida comer moi ben”.