Site icon Crónica3.com A Mariña

O salón de plenos do Concello de Burela acollerá o xoves 29 unha xuntanza cos hostaleiros, comerciantes, promotores e axencias de viaxes, entre outros, co obxectivo de comezar a planificar a campaña turística de 2016

Burela, 27 de outubro de 2015.- O vindeiro xoves, 29 de outubro, ás nove da noite no salón de plenos do Concello terá lugar unha reunión co sector turístico de Burela “co obxectivo de comezar a planificar a campaña do vindeiro ano 2016. Con esta iniciativa queremos trazar unha estratexia turística conxuntamente con todos os actores sociais implicados no turismo de Burela e elaborar, contando coa súa opinión, unha ruta de traballo na que poidamos unir sinerxias de traballo co sector e que o propio sector poida ver claramente que o Concello quere contar coas súas opinións e propostas de cara ao turismo”, explica o concelleiro de Turismo e Comercio, Ramiro Fernández Rey.

O edil socialista subliña que “dende o Concello temos claro que a implicación de hostaleiros, comerciantes, promotores, axencias de viaxe e todos aqueles actores importantes da sociedade burelá debe de verse reflectida nas actuacións que se fagan dende o Concello, e que se debe facer un traballo conxunto no que se teñan en conta as súas opinións e inquedanzas”.

Ramiro Fernández contou que “no encontro deste xoves tamén participará a empresa Hipoweb, que desenvolveu un traballo para a elaboración dunha páxina web de turismo que contará tamén cunha aplicación web para móbiles Android e IOS que estará vinculada a esa páxina na que se poderán programar as vacacións no pobo, e que permitirá facer contratacións online de reservas en hoteis, restaurantes, etc… en resumo permitirá facer un programa de vacacións en Burela. Trátase dunha proposta que lles queremos expoñer aos asistentes”.

“Dende a Concellería de Turismo creemos básica a participación e implicación de todo o sector turístico na programación e implantación de medidas que poidan facer que o turismo se poda converter nun motor económico e de creación de emprego no noso pobo. Por todo o anteriormente exposto tamén queremos abrir a reunión á participación daqueles veciños e veciñas que queiran aportar as súas ideas, que tamén serán estudadas por esta Concellería co fin de poder levar a cabo todas aquelas iniciativas que sexan realizables”.

Exit mobile version