Site icon Crónica3.com A Mariña

Obradoiros de memoria, manualidades e conciliación familiar en Cervo

Cervo, 24 de outubro de 2015. A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Cervo organiza tres obradoiros que botarán a andar o 3 de novembro e que traballarán aspectos como a memoria, as manualidades ou a conciliación familiar, entre outros. O prazo para anotarse está aberto e debe facerse polas mañás na Casa do Mar de San Cibrao.

O primeiro dos obradoiros leva o nome de Lembranzas e está dedicado á memoria. É o sexto ano que se realiza con esta denominación aínda que existe dende hai unha década. Desenvolverase polas tardes nas localidades de Cervo, San Cibrao, Rúa, San Román, Castelo e Trasbar e vai destinado a persoas de todas as idades.

O obradoiro Agarimos, pola súa parte, comeza tamén o 3 de novembro e é a súa segunda edición. Neste caso vai dirixido a veciños maiores de 65 anos e celebrarase na Casa do Mar de San Cibrao polas mañás os martes e os xoves.

A novidade este ano é o obradoiro de Igualdade, que se pon en práctica por vez primeira. Vai dirixido a homes e mulleres adultos de todas as idades e realizarase en San Ciprián os luns e mércores entre as 11.00 e as 12.30 horas.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Pilar Armada, explica que “o obxectivo do obradoiro Lembranzas é favorecer o mantemento da memoria activa coa realización de exercicios mentais. Agarimos está máis centrado en actividades manuais e no desenvolvemento psicomotriz, mentres que Igualdade busca favorecer a conciliación familiar e inclúe actividades para resolver problemas da vida diaria, como primeiros auxilios, manualidades ou pequenas reparacións domésticas”.

Exit mobile version