Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Os Axóuxeres’ chega esta fin de semana a Foz e Viveiro con teatro, música e máis sorpresas

Santiago, 10 de outubro de 2015.- A nova edición do programa de dinamización lingüística ‘Os Axóuxeres’, que ten como obxectivo promover o uso do galego e a súa transmisión interxeracional nas familias novas con bebés e nenos/as de 0 a 6 anos, e que está impulsado desde a Consellería de Cultura e Educación nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chega á súa quinta fin de semana de andaina por Galicia.

Esta fin de semana a oferta de actuacións de ‘Os Axóuxeres’ é moi ampla. Pero será o domingo cando cheguen á Mariña para ofrecer un programa dobre: en Foz (12.00 horas, na Sala Bahía) e en Viveiro (18.00 horas, no Teatro Pastor Díaz).

Reservas para a vindeira función en Mondoñedo
O martes abrirase a reserva previa telefónica no 697 363 089, que permanecerá activa ata o venres en horario de 10.00 a 13.00 horas, para a función de Mondoñedo (domingo 18, ás 12.00 horas, no Auditorio Municipal Pascual Veiga). Aínda que a entrada é de balde ata completar a capacidade da sala, cómpre inscrición no teléfono e no horario anteriormente sinalados.

O calendario da nova edición, que abrangue do 12 de setembro ao 8 de novembro, inclúe un total de 26 localidades galegas: A Coruña, A Estrada, A Laracha, Ames, Arteixo, Boiro Cangas, Fene, Ferrol, Foz, Lalín, Moaña, Mondoñedo, Noia, O Carballiño, Oleiros, O Porriño, Ourense, Redondela, Ribeira, Santiago de Compostela, Teo, Vedra, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Xinzo de Limia. Todas as datas e espazos de celebración pódense consultar no web institucional www.lingua.gal e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.

A festa da música, dos xogos e das palabras
‘Os Axóuxeres’ é un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística que chega á súa sétima edición ofrecéndolles ás familias con cativos de 0 a 6 anos espazos de lecer en galego e tamén materiais para continuar xogando e cantando ao remate do espectáculo. O disco ‘Os Axóuxeres’, co que se agasalla a todas as familias participantes, e tamén os materiais das edicións anteriores pódense descargar de balde en http://ir.gl/1febfb.

‘Os Axóuxeres’ coidan dun xeito especial a calidade do espectáculo e a acollida ás familias para asegurar que os nenos e nenas asocien o galego con experiencias agradables, cheas de tenrura e de diversión, e cunha estética dinámica e actual.

Encontros para a xente miúda da casa
‘Os Axóuxeres’ son o encontro da xente miúda da casa coas artes escénicas, co teatro, coa música en directo… cos primeiros xogos e coas primeiras cancións en galego… coa lingua de noso. Cada ‘Encontro dos Axóuxeres’, de aproximadamente 40 minutos de duración, creouse para ofrecerlle á xente miúda un espazo onde gozar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Estrelas dormen, Voga valente, Vou navegar, Entre o mar e esta bañeira e Mergullo son as cancións orixinais dos novos Axóuxeres, que María Torres e Gonçalo Guerreiro interpretan en directo acompañados polos músicos Mano Panforreteiro e Dani Pais, e que recolle o devandito cedé homónimo, no que tamén se poden escoitar brinquedos e adiviñas infantís

O peixiño de Mariña
Mariña. Rapaza con nome de auga, de vida cara ao mar, é a protagonista desta historia e quen un día de praia decide que ese peixiño que apañou vai ser o seu mellor compañeiro de cuarto do mundo: “sempre quixen ter un peixiño e por fin o conseguín!”. Xa na casa, o animaliño cada vez está máis triste… Será o seu amigo Muriel quen tente convencer a rapaza para que o ceibe: “os peixes do mar teñen que ficar no mar”.

Mariña, rapaza lista e espelida, comprende que o seu fiel amigo leva razón: o mar ofrécelle ao peixe todo o que precisa para vivir e ser feliz, aínda que tamén agocha dificultades que os seres que o habitan atopan día tras día… e para o peixiño de Mariña non vai haber excepción. Unha aventura teatral, musical e lúdica na que a xente miúda se mergullará na profundidade do mar para sentir de preto valores como a ecoloxía ou a amizade. Unha experiencia sensorial e lingüística coa que aprender e levar para a casa divertidas cancións, adiviñas e xogos.

Exit mobile version