Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian que a política en materia de pesca da Xunta céntrase en “fuxir das responsabilidades e repartir culpas”

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2015.- O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, denunciou este martes no Parlamento que a política en materia de pesca do Goberno galego se centre en “repartir culpas e fuxir de responsabilidades”. Val presentou unha pregunta no Pleno do Parlamento na que lle lembrou á conselleira do Mar que “vostede é a máxima dirixente da pesca galega dende o ano 2009”.

O parlamentario socialista advertiu que logo de 7 orzamentos para a pesca xestionados polo goberno de Feijóo, con máis de 800 millóns de euros, “a situación é dramática” e responsabilizounos dun “modelo fracasado para a pesca que se traduce en 5.000 cotizantes menos ao Réxime Especial do Mar da Seguridade Social”.

Cualificou de “indignante” o silencio da Consellería diante da situación da flota que leva xa 10 días amarrada a porto, con máis de 1.200 mariñeiros sen ingresos e sen expectativas para os próximos dous meses. Este desleixo levounos, dixo, mesmo a admitir que a ministra de Pesca lle reclamara aos armadores que “non se queixaran porque xa gañaron bastante durante este ano”.

Lembroulle á conselleira que “a súa función é buscar e defender a fórmula máis xusta e máis acorde cos intereses dos nosos barcos e das familias galegas” que dependen deste medio de vida. Instouna a “demostrar vontade política para modificar a situación actual”, xa que “do contrario condenará á desaparición a unha parte importante da flota de cerco galega”.

Criticou así que o goberno galego lles reclamara “mellor xestión” aos representantes do sector mentres “mira para outro lado mentres o bocarte e o xurelo están pechados nas zonas VIII – C e IX – A, a sardiña continúa sometida a un plan de xestión e sen xarda despois do cambio realizado o pasado venres en Segepesca”.

Exit mobile version