Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Trocos achegan a Burela ‘Almacéns Nova Chaira’ co proxecto Buxiganga

A Asociación Cultural Os Trocos dedícase ao estudo, recuperación e promoción da cultura e tradicións, así coma ao desenvolvemento cultural e artístico das tradicións da comarca da Terra Chá.

As principais tarefas que levan feito, a día de hoxe, son a participación nas comparsas de Entroido, en diversos concellos da provincia de Lugo, polas cales gañaron premios pola súa orixinalidade.

O Grupo de Teatro naceu ao aveiro da Escola de Teatro Municipal de Castro de Rei no ano 2012 . Dende aquela, participan de forma activa no programa Buxiganga, ao que se presentaron no 2013 coa peza “Falamos de cartos”. Ademais participaron na Mostra de Teatro Cómico da Vila de Sarria coa obra “Campig Gás”.

“Almacéns Nova Chaira”, de Iria Acevedo, é a obra que representarán no auditorio da Casa da Cultura de Burela este sábado, 17 de outubro, ás 20.00 horas. Obra ambientada a finais dos anos 50 na chaira lucense. Ali están ubicados os Almacéns Nova Chaira, moito máis ca un traballo para xefes e empregados que abren as portas das súas ilusións e decepcións en cada función. Líos de saias, débedas e moitos segredos mal silenciados, conviven baixo este pazo das compras. Benvidos ao lugar máxico onde se satisfacen todos os caprichos, ata os máis íntimos. E lembren, que se o que buscan non o atopan en Almacéns Nova Chaira…é que non existe.

A representación da obra está dentro do programa “Buxiganga. Proxecto Teatral 2015” que a Área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio da Deputación de Lugo, achega aos Concellos para contribuir á difusión do teatro afeccionado e a potenciación da actividade cultural nos distintos concellos de Lugo.

Exit mobile version