Site icon Crónica3.com A Mariña

Pasada das Cabras ascende ó Tres Vispos nos Ancares

cabras-ancaresUn total de 19 socios do grupo sendeirista Pasada das Cabras dábanse cita este sábado 10 de outubro ás 07.15 horas na estación de autobuses de Burela para desprazarse ata Os Ancares para realizar a ruta de ascensión ó pico dos “Tres Vispos”. A ruta comezaba ás 10.10 horas dende o albergue de montaña dos Ancares coa “aprobación dos deuses do tempo”; xa que, salvo por un chaparrón e o fuerte vento no último tramo de ascenso, atopáronse cun día perfecto para “patear monte”. Dende o primeiro tramo por pista con inclinación ascendente ata alcanzar a cúspide, o grupo enfrontábase a maiores complicacións debido ás características da zona empinada e escarpada. Tras un respiro e tentempé reagrupáronse para enfrontar o último e máis complicado tramo no que o vento cada vez máis forte aumentaba a sensación de frío. Despois de tomar algunhas fotografías iniciaban o descenso ata “O refuxio do Brego” onde puideron xantar; mentres outro grupo marchaba cara a zona de Potes onde tiñan previsto realizar outras rutas aproveitando a ponte. Os que quedaban emprendían un pronunciado descenso por unha pista forestal paralela ao “Rego da Vara” ata chegar ó punto de saída onde caía unha “auténtica manta de auga” cando marchaban despois de tomar un refrixerio.

Exit mobile version