Site icon Crónica3.com A Mariña

Prezos xustos na produción e o mantemento e recuperación e de servizos, demandas principais de AGEe

Bruxelas, 20 Outubro 2015.- A través da eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, unha delegación de once gandeiros/as e residentes en zonas de alta montaña da Galiza entrevistáronse na tarde deste mércores no Parlamento Europeo (PE) con Dermot Ryan, representante da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea (DX AGRI), e ca eurodeputada Mercedes Bresso, presidenta do Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas, no que a AGEe está inscrita.

Nun primeiro intercambio de opinións, a delegación galega puxo sobre a mesa a necesidade de garantir prezos xustos na produción de vacún de carne e denunciou diante da Comisión a progresiva eliminación de servizos públicos nas áreas rurais potenciada polo Goberno da Xunta, subliñando as graves consecuencias sociais que está a ter concretamente a eliminación de centros educativos e sanitarios.

Se ben en relación ás políticas agrarias Ryan afirmou que “hai vontade de apoio de cara a que as produtoras e produtores podan cubrir custos de produción a través dos prezos”, membros do seu equipo presentes na xuntanza afirmaron que son “conscientes” dos problemas dos produtores/as de vacún de carne, unha situación que “repítese en toda a UE, sobre todo nas zonas de montaña”.

Carmen Calderón, responsable do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR) 2015-2020 -inda sen aprobar a día de hoxe- na Dirección Xeral de Agricultura, afirmou que cónstalle que neste PDR están sinaladas as zonas de montaña como prioritarias. Aliás, fixo fincapé na vontade da Comisión de que o proceso de elaboración do PDR sexa intensamente participativo.

Diante desta afirmación, a delegación galega foi clara: “non nos dan información de nada”, afirmaron, e puxeron en dúbida o carácter participativo do PDR, trasladándolle directamente á Comisión de Agricultura que, no caso galego, a participación limitouse a un único evento conxunto cos actores correspondentes convocado pola Xunta: “participamos noventa axentes sociais e durou dúas horas, esa foi toda a participación que houbo”.

Finalmente, na liña de afondar na visibilización da importancia do mantemento destas zonas, nomeadamente para preservar a nosa biodiversidade e identidade cultural, mantendo ao tempo un tecido produtivo que contribúa a fixar poboación nestas áreas, a eurodeputada galega trasladou á DX de Agricultura como demanda principal “que sexan activadas as políticas agrogandeiras e sociais precisas para que as persoas que residen e/ou manteñen unha actividade produtiva nas zonas de alta montaña teñan garantida unha vida digna e podan desfrutar dos dereitos e acceder a servizos como calquera cidadá ou cidadán da Galiza.”

Intergrupo Áreas Rurais e Montañosas
A eurodeputada italiana Mercedes Bresso, presidenta do Intergrupo Parlamentario de Áreas Rurais, Montañosas e Remotas, deu conta das prioridades do mesmo, salientando a potenciación das enerxías renovábeis, as políticas de desenvolvemento integral das zonas rurais, a defensa dos produtos típicos de alta montaña…
Ademais, dende este intergrupo están analizando as diversas áreas temáticas para achegar información á Comisión Europea co obxectivo de realizar un Libro Branco de propostas políticas para as zonas de montaña, moi valorada na maioría de países europeos, sinalou. Porén, “no caso galego”, trasladáronlle a Bresso, “a nós bótannos da montaña, non é un espazo valorado pola Administración”.

Xunto con esta realidade, o problema da forestación de terras agrarias na Galiza foi unha das cuestións que máis sorprendeu á eurodeputada, quen reiterou a importancia dos prados ubicados en zona de alta montaña. Tamén se pronunciara sobre este aspecto Demot Ryan, quen aclarou que, se ben é promovida dende a UE, a forestación “non é unha esixencia realizada aos Estados membros”, xa que “a PAC aplícase cunha certa flexibilidade”, polo que, se se está a dar unha forestación inadecuada do territorio, a responsabilidade recaería nos Gobernos estatal e galego.

Tras as dúas xuntanzas desta tarde, Lídia Senra mantivo unha reunión de traballo ca delegación galega desprazada a Bruxelas a fin de coñecer as súas prioridades e analizar como desenvolvelas no Parlamento Europeo do xeito máis eficiente posíbel.

Estes contactos e intercambios de opinión ca Comisión e o Parlamento engadiranse ao traballo de análise desenvolvido nas xornadas “As áreas de alta montaña na UE, unha perspectiva dende a esquerda”, realizadas por AGEe en Becerreá o pasado 28 de febreiro.

Exit mobile version