Site icon Crónica3.com A Mariña

Primeira vitoria para os de Daniel Ibañes: Burela FS Pescados Rubén 3-2 Elche CF V. Alberola

iagorguez-elche15Burela, 3 de outubro de 2015.- O CD Burela FS Pescados Rubén de Daniel Ibañes sumou na tarde deste sábado a primeira vitoria da tempada ante o novel Elche CF V. Alberola (3-2), cun marcador sen xustiza para as numerosas ocasións claras dos locais.

Tralo aviso de Chano nos primeiros compases e Chino antes de cumprirse o minuto 2 de xogo, Antoñito abriu a lata cun potente disparo polo centro, no 6. Intentárono poucos segundos despois armados de perigo Iago Rodríguez, cazando ao voo un pase longo fronte a Chico, e o tándem Iago Míguez-Jorge Bellvert, cun balón que se paseou por diante da liña de meta e que o 18 laranxa non puido rematar. A Marea Laranxa a punto estivo de inundar a pista rozando o ecuador da primeira parte, cun disparo de Chino que repeliu o pau logo de superar as liñas defensivas levantinas. Os de Cobeta dispuxeron das mellores oportunidades nos minutos 14 e 15, cun Edu impasible ante Pitu primeiro e máis tarde con Kiwi.

Perdoou o Burela FS a superioridade ofensiva da primeira parte cun escaso 1-0 e o Elche igualou a contenda nada máis regresar á pista nas zapatillas de Pitu. Contraatacaron os de Daniel Ibañes con asedio sobre a meta visitante e Antoñito levantou á afección aproveitando un rexeite (minuto 23). Vista Alegre aínda festexaba o 2-1, cando Iago Rodríguez fixo tremer á defensa levantina cun disparo que impediu o pau. A ofensiva tinguiuse de laranxa; Chano e Jorge dispuxeron de balóns de ouro nos minutos 27 e 28; Iago Míguez e Jorge tampouco puideron materializar fronte a Chico os pases de Chano e Chino, respectivamente. Con todo, a xoia da Mariña, Iago Míguez, atopou a brecha, tras recuperación en media pista e prantándose só ante o meta de Elche. Os de Cobeta intentaron frear a avalancha do Pescados Rubén a falta de pouco máis de catro minutos con Raúl Manjón de cinco. O segundo gol dos visitantes chegou de novo con firma de Pitu, atento ao despexe de Edu, tras unha das innumerables ocasións dos de Burela (minuto 37). Cunha recta final de infarto, con oportunidades por todas as partes en ambas escuadras o marcador mantívose coa xusta vitoria dos mariñáns (3-2).

Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Chano, Chino, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Jorge, Iago Rodríguez, Hélder
Elche CF V. Alberola: Chico, Juanjo, Pitu, Jesús García, Kiwi, cinco inicial; tamén xogaron Vicent, Raúl Manjón, Carlos Anós, Christian Guijarro, Jacobo, Óscar Ruiz
Goles: 1-0, minuto 6, Antoñito; 1-1, minuto 21, Pitu; 2-1, minuto 23, Antoñito; 3-1, minuto 33, Iago Míguez; 3-2, minuto 37, Pitu
Árbitros: Contreras Tejedor // Pérez Álvarez (Castilla e León). Por Burela, amarela a Iago Míguez (minuto 39). Por Elche a Raúl Manjón (minutos 8 e 39); Mozo (minuto 19), Vicent (37).
Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada da Primeira División da LNFS disputado en Vista Alegre, con ao redor de 1.000 afeccionados.

Exit mobile version