Site icon Crónica3.com A Mariña

Pronunciamento conxunto de AGEe, EHBildu, ERC e NECat diante da visita de Felipe VI ó Parlamento Europeo

Con motivo do discurso que, a invitación do presidente Martin Schulz, pronunciará hoxe mércores no Pleno do Parlamento Europeo Felipe de Borbón, os/as abaixo asinantes queremos manifestar o seguinte:

· Rexeitamos a presenza diante da Cámara Europea dun xefe de Estado que non foi democraticamente elexido e que representa e simboliza, entre outras cuestións, un modelo con graves carencias democráticas que non resolve axeitadamente as expectativas dos pobos e da cidadanía.

· As Nacións que conforman a realidade plurinacional do Estado Español teñen dereito a determinar o seu futuro, sen límites nin ameazas externas, se así o decide de forma libre, pacífica e democrática a súa cidadanía.

· Nun contexto europeo marcado polo recente referendo escocés e as eleccións do 27 de setembro en Catalunya, instamos ás institucións internacionais e europeas en xeral, e a o Estado español en particular, a respectar as decisións que a futuro emprendan e adopten os/as lexítimos representantes de estas e outras nacións, como a vasca ou a galega.

· Recoñecemento dos dereitos dos Pobos e Nacións e o respecto á vontade democrática deben ser as bases dun marco de relacións más xustas e solidarias en Europa, que deixe atrás modelos de imposición e furto á soberanía.

· Xustiza e solidariedade son precisamente dous termos cada vez máis estraños nunha Unión Europea, onde o Estado español logo de trinta anos de adhesión, pouco ou nada ten que celebrar, sumido como está nunha deriva de recortes e austeridade que provocaron unha fractura social sen precedentes, cun déficit democrático evidente, sectores produtivos en crise, deslocalización da produción, peche de empresas, privatización de servizos, perda de postos de traballo e retroceso nos dereitos humanos como a vivenda, a saúde ou a educación e tamén nos dereitos das mulleres e, por último, unha resposta aos/ás migrantes e refuxiadas/os que buscan una vida mellor no noso continente en termos de seguridade e non de acollida, e respecto aos dereitos humanos.

Estrasburgo, 07 de Outubro de 2015

ASINANTES:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)

Josu Juaristi, eurodeputado de Euskal Herria Bildu (EHBildu)

Josep-Maria Terricabras, eurodeputado de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC)

Ernest Maragall, eurodeputado de Nova Esquerra Catalana (NECat)

Exit mobile version