Cervo, 15 de outubro de 2015. A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, explicou este xoves que o Concello de Cervo “ven de rematar de xeito altamente satisfactorio e exitoso a campaña anual de visitas de revisión e control de composteiros, que ven realizando de maneira periódica dende que xa hai varios anos botara a andar esta interesante e pioneira experiencia medioambiental. Cada vez vai sendo maior o número de usuarios que demandan este servizo ofertado polo Concello, achegándose practicamente aos 150 usuarios na actualidade, e no que continúa a existir unha meirande demanda por parte dos veciños de Cervo, sobre todo do ámbito rural, cara esta iniciativa municipal, o cal tamén dá conta do alto grao de concienciación medioambiental que se vai acadando entre a veciñanza. Por dito motivo e pola alta implicación que están a demostrar os veciños co proxecto de compostaxe, o Concello de Cervo prevé incrementar na presente anualidade o número de composteiros en servizo, para o cal se fará entrega nas vindeiras semanas de vinte novas unidades destes aparellos”.
A edil de Medio Ambiente en Cervo tamén destacou que “a principal novidade desta anualidade consistiu en que, xunto coa xa tradicional visita de apoio e asesoramento que se acostuma a facer aos novos usuarios do servizo durante as primeiras semanas de funcionamento, fíxose tamén un control máis exhaustivo da utilización dos composteiros que xa levan máis tempo en servizo e que practicamente son xestionados na súa totalidade polos propios interesados, co fin de poder constatar o seu bo estado de uso e funcionamento así como o grao de satisfacción que, segundo manifestan ditos usuarios, está a ser moi elevado con relación ás expectativas iniciais. Este programa de fomento da compostaxe cubre a totalidade do proceso, que vai dende a entrega gratuíta dos composteiros ao apoio e formación aos usuarios para a súa posta en funcionamento, así como o posterior asesoramento ao longo do proceso de vida útil destes dispositivos. Ademais supón un compromiso e unha aposta decidida do Concello co medio ambiente e con todas aquelas medidas que contribúan coa mellora do noso entorno natural”.