Site icon Crónica3.com A Mariña

Rodas: “Separar Medio Rural e Mar débese a motivos electorais”

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2015.- O deputado do BNG, Daniel Rodas respondeu á conselleira, tras a comparecencia para presentar os orzamentos da consellería do Mar que “seguimos perdendo peso”. A respecto do ano 2012, explicou, o orzamento “cae un 37,4% e dende principios da lexislatura un 52,50%” e criticou que o goberno de Feijóo,“fora incapaz de enfrontarse aos problemas da pesca, marisqueo e miticultura” adoptando medidas contra os intereses galegos, “o marisqueo perde emprego, caen as rendas, non estiveron presentes na batalla da etiquetaxe, nin na unidade do sector”.

Para o deputado a separación de Medio Rural e Mar responde a “motivos puramente electorais”
Noutra orde de cousas, dixo, se facemos balance constatamos menos flota, menos traballo e peores condicións da actividade. Vostede é cuestionada polos patróns maiores de Arousa, polas mariscadoras, cerqueiros, volanteiros, arrastreiros e con razón, porque “nunca a encontran a vostede máis alá das procesións e degustacións”. Os únicos que non a critican son as Federacións provinciais e as Confrarías porque ano tras ano os fondos que as subvencionan “ aumentan”. A federación galega pasa de 61.000 euros a 70.000, a de Pontevedra de 50.000 a 60.000 e a de Coruña de 38.000 a 50.000, explicou.

Política portuaria en función das demandas próximas ao PP
A súa política portuaria responde dixo, “ás demandas clientelares” e puxo como exemplo a Lonxa de Riberia ou o Club de xubilados de Meira, ou o Paseo da Seara en terreo de Costas con autorizacións de cesións de terreos mentres dure o goberno do alcalde do PP.

Este ano a lonxa de Ribeira acapara o maior investimento, 1.473.000 euros , e o peor é que se descoñece o modelo de xestión, “se será mixta ou completamente privada”. É moi grave, recalcou Rodas abonar 350.000 euros para que atraquen os barcos nun lugar con pouco abrigo onde resulta moi difícil atracar.

Traballadores do cerco acampando en San Caetano
O sector pide un reparto xusto e non individual, “dous anos levan sen resolver o problema” dun “modelo colonial” que reparte entre os que máis teñen, denunciou o parlamentario do BNG.

O deputado lembrou que en Cabo de Cruz 226 embarcacións “teñen dificultades de amarre” e despois de investir nesa infraestrutura 12 millóns de euros agora pretenden resolvelo con 100.000 euros para pantaláns flotantes que resolvan os problemas de abrigo.

Gran aposta do PP pola acuicultura
O parlamentario tamén se referiu ao programa de maior dotación, o 723 A de competitividade e mellora da produción con medidas sobre o tratamento de descartes e a aposta polo novo modelo acuícola, “nada máis e nada menos que con 18.000.000 de euros” para cumprir cos criterios de Bruxelas e Madrid desglosados en: seguro para as produción acuícolas, 800.000 euros, medias de saúdo e benestar animal, 1.500.000, inversións produtivas, 8 millóns, reconversión do sistema de xestión e auditoría ambiental, 300.000 euros, prestación de servizos medioambientais, 150.000, redución da auga e produtos químicos, 4.700.000 euros, asesoramento para explotacións acuícolas, 2 millóns de euros. Como é posible dedicar tantos fondos públicos para introducir “capitais alleos aos nosos modelos tradicionais”. Son partidas que evidencian o modelo das gaiolas de salmón.

O parlamentario concluíu a súa intervención criticando as inversións que coliden co traballo e a riqueza. Vostedes entréganlle un ben público, as rías, e por riba fináncianlles os proxectos, os pensos e barbitúricos expulsando aos pescadores e mariscadores.

Exit mobile version